Lepa Mladjenovic (, Lepa Mlađenović), nada en Belgrado o 9 de novembro de 1954, é unha activista feminista, antiguerra e a prol dos dereitos das lesbianas. É unha pioneira da segunda onda do feminismo en Serbia. É asesora feminista de mulleres superviventes de violencia machista ou lesbofobia, coordinadora de obradoiros, escritora, profesora de universidade e membro de varios consellos e redes internacionais relacionadas cos dereitos das lesbianas e a violencia contra as mulleres. Mladjenovic é considerada un símbolo do activismo das mulleres na antiga Iugoslavia. Dende 2017 reside en Belgrado.

Traballo a prol dos dereitos humanos

Alternativas á psiquiatría Mladjenovic graduouse de Psicoloxía na Universidade de Belgrado en 1980. Durante os seus anos de estudante escribiu cartas de protesta ao profesorado nas que criticaba o ríxido regulamento conservador, que non lle daba poder ao alumnado. O primeiro movemento social no que Mladjenovic participou de maneira activa foi a Rede para Alternativas á Psiquiatría. Este movemento tiña como obxectivo eliminar o carácter institucional da psiquiatría debido á violencia e exclusión que consideraban que esta exercía na sociedade.

En 1983 Mladjenovic creou e co-organizou «Psiquiatría e Sociedade», un congreso internacional de tres días de duración no centro cultural de estudantes de Belgrado. Tamén realizou voluntariado en centros de saúde mental en Trieste e escribiu sobre o movemento italiano Psichiatria Democratica e os centros de terapia comunitaria da Arbours Association en Londres, xurdidos como parte do movemento antipsiquiátrico.

Activismo feminista e antibélico Mladjenovic iniciou o seu activismo feminista en 1978, cando participou en DRUG-ca Žena. Foi o primeiro congreso internacional de mulleres organizado por feministas iugoslavas no centro cultural de estudantes de Belgrado. Esta foi un punto de inflexión para a sociedade feminista e civil da antiga Iugoslavia. En 1982 Mladjenovic coorganizou o grupo feminista Žena i društvo (Mulleres e Sociedade) en Belgrado. Catro anos despois organizou un grupo feminista non mixto dentro de Žena i društvo baseado nun modelo de autoconcienciación.

En 1987 Mladjenovic participou na primeira xuntanza feminista de Iugoslavia en Liubliana, organizada polo grupo feminista LILIT e o grupo de lesbianas LILIT LL de Eslovenia. A reunión promovía a sororidade, os intercambios, o apoio ao activismo feminista, a exposición da violencia contra as mulleres, a saúde reprodutiva das mulleres, a arte e a cultura feita por mulleres e as primeiras iniciativas para crear organizacións de lesbianas. En 1990, xunto con outras activistas de Žena i društvo, Mladjenovic fundou o SOS telefon za žene i djecu žrtve nasilja de Belgrado. O obxectivo deste teléfono era, entre outros, atender as vítimas de violencia machista, na mesma liña cá súa análoga de Zagreb, aberta tres anos antes. Mladjenovic exerceu como coordinadora e asesora de mulleres superviventes de violencia machista. Máis adiante traballou tamén con mulleres vítimas da guerra.

En 1991, xunto con Stasa Zajovic e outras activistas feministas antibélicas, Mladjenovic fundou Mulleres de Negro. O grupo empezou realizando vixilias semanais de protesta contra o réxime serbio e máis tarde uniuse á rede mundial de Mulleres de Negro. O grupo de Belgrado celebrou a súa primeira reunión o 9 de outubro de 1991.

Entre 1992 e 2012 Mladjenovic traballou como educadora e asesora de vítimas de violencia de xénero en Bosnia e Hercegovina, Croacia e Hungría. En 1993, Mladjenovic e outras voluntarias de SOS fundaron o Autonomni Ženski Centar (o Centro de Mulleres Autónomas). Foi asesora psicolóxica e coordinadora do consello do centro até 2011. Dende 2000 organizou e participou en moitos obradoiros para mulleres e en grupos de apoio a vítimas de violencia de xénero. Tamén organizou obradoiros de alfabetización emocional para activistas (sobre todo lesbianas) nos Balcáns. Traballou en Italia coa ONG Donne in Rete contro la violenza e publicou un documento para o asesoramento en clave feminista en casos de violencia sexual.

Activismo lésbico En 1986 Mladjenovic e Suzana Tratnik participaron en representación de Iugoslavia na conferencia do Servizo Internacional de Información Lésbica en Xenebra. En 1990, xunto con outros activistas, fundou Arkadia, a primeira organización de gais e lesbianas de Belgrado. O grupo funcionou até 1997. En 1994 Mladjenovic converteuse na primeira lesbiana de Serbia en saír do armario durante unha emisión na televisión pública en que falou sobre cuestións gais e lesbianas en representación de Arkadia. O ano seguinte, xunto con outros activistas de Arkadia, formou Labris, a primeira organización lésbica. En 2001 describiu a experiencia:

Como membro de Labris, Mladjenovic participou e colaborou na organización da primeira Semana Lésbica en Eslovenia en 1997 (organizado por Kasandra, un grupo lésbico e feminista de Liubliana). Participaron 45 persoas de Novi Sad, Maribor, Skopje, Belgrado, Zagreb, Pristina, Split e Liubliana, e o acontecemento presentou como novidade a cooperación feminista na rexión. A segunda edición celebrouse en Sombor (Voivodina, Serbia) en 2000 e a terceira (ambas organizadas por Labris), en Novi Sad en 2004. A cuarta edición foi organizada en 2011.

Mladjenovic co-organizou a Marcha do Orgullo de Belgrado de 2001. Ela e outras asesoras lésbicas fundaron en 2012 o SOS Konsultacije za Lezbejke, unha liña telefónica de atención a lesbianas. Alí facilita obradoiros e presta asesoría psicolóxica dende 2017.

Recoñecementos En 1994, durante un acto do Orgullo en Nova York, Mladjenovic recibiu o premio Felipa de Souza da ONG OutRight Action International, pola súa contribución ao activismo polos dereitos das persoas LGBT. Cando recolleu o premio dixo: «O lugar de onde veño non é a nación onde nacín, senón un país lésbico perdido que nunca tiven – mais lograrei crealo dalgún xeito».

En 2011 a Novom Sadu Novosadska Lezbejska Organizacija (Organización Lésbica de Novi Sad) homenaxeouna ao abrir unha sala de lectura de temática lésbica, feminista, radical e antifascista co seu nome.

En 2013 recibiu o premio Anne Klein da muller, outorgado pola Fundación Heinrich Böll. Mladjenovic levou 22 activistas lésbicas da rexión á cerimonia do premio en Berlín como parte dunha visita de estudo lésbica.

Publicacións Entre 1992 e 2012 Mladjenovic foi membro e profesora universitaria no Centar za ženske studije (Centro de Estudos da Muller) de Belgrado. Escribiu varios ensaios sobre a violación nos conflitos bélicos, a violencia contra as mulleres, os dereitos das lesbianas, as lesbianas nos conflitos bélicos, o feminicidio, a aproximación feminista á xustiza de transición, a solidariedade das mulleres e a alfabetización emocional. No seu manifesto Politika ženske solidarnosti («Política da solidariedade das mulleres») di:

Notas

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Personalidades do feminismo Categoría:Activismo LGTB Categoría:Alumnos da Universidade de Belgrado