A ponte da Ría é unha ponte para o tráfico rodado con piares en forma de V que cruza a ría de Pontevedra na cidade de Pontevedra. Forma parte da AP-9 e foi inaugurada en 1992.

Localización A ponte está situada entre o barrio de Mollavao en Pontevedra e o lugar da Puntada (no municipio veciño de Poio). Localízase na parte oeste da cidade que se abre cara ao mar, no estuario que forma a desembocadura do río Lérez na ría de Pontevedra.

Historia As obras da ponte da Ría empezaron o 21 de decembro de 1989 para o paso da autoestrada AP-9 e como parte da circunvalación oeste da cidade.

Foi concibida polos enxeñeiros Leonardo Fernández Troyano, Javier Manterola Armisén e Amando López Padilla. A construción iniciouse no piar central (piar referencia da ponte) e recorreuse a un método de construción baseado en vigas en beiril con atirantamento provisional. Foi inaugurada o 25 de marzo de 1992.

A construción e posta en servizo da ponte foi polémica polo impacto paisaxístico que supuxo e pola modificación notable das vistas desde a cidade cara ao mar. A súa denominación "Ponte da Ría" foille dada por Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9.

Descrición Trátase dunha ponte con dúas calzadas independentes, que ten unha lonxitude de 700 metros e está feita de formigón pretensado no taboleiro e de formigón armado nos piares e nos estribos.

É unha ponte de autoestrada con dous piares xemelgos en forma de V como único apoio intermedio no seu tramo central, cuxa cimentación repousa no centro do leito da ría de Pontevedra. Está dividida en tres tramos diferentes. O tramo intermedio ten dous vans principais de 120 m de lonxitude cunha viga caixón de canto variable. Para a forma do taboleiro adoptouse unha solución en gaivota: ten canto máximo sobre o piar central diminuíndo cara ós piares laterais dos vans de 120 metros, chegando preto deles ao canto mínimo. Os vans laterais da ponte teñen 40 m de lonxitude cunha viga caixón de canto constante. Os tramos dos dous extremos da ponte forman os viadutos de acceso á mesma. Os piares do tramo en viaduto ao lado sur pasan por riba dunha pequena parte do paseo marítimo de Pontevedra.

A ponte da Ría está libre de peaxe e actúa como circunvalación oeste entre o norte e o sur da cidade de Pontevedra, no tramo comprendido entre o barrio do Pino e o parque de Bombeiros. Case 50.000 vehículos cruzan a diario a ponte.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Ponte da Barca Ponte das Correntes Ponte do Burgo Ponte de Santiago Ponte dos Tirantes

Ligazóns externas (en) Ponte da Ría na páxina web Structurae

Categoría:Pontes de Pontevedra Categoría:Ría de Pontevedra Categoría:Río Lérez