Ácido eicosatetraenoico (ETA, ou ácido icosatetraenoico) é o nome co que se designa calquera cadea de ácido graxo 20:4 (de 20 carbonos e 4 dobres enlaces). O ácido eicosatetraenoico pertence á familia dos eicosanoides, moléculas sintetizadas a partir de ácidos graxos poliinsaturados oxidados para que actúen como mediadores da comunicación célula-célula. Os eicosanoides funcionan en tándem, contribuíndo á complexa sinalización lipídica en gran medida responsable de inducir unha resposta inmune inflamatoria. Estes efectos obsérvanse e están asociados a pacientes con cancros e varios trastornos neurolóxicos e metabólicos.

Dous isómeros, ambos os dous ácidos graxos esenciais, son de especial interese: Ácido todo-cis-5,8,11,14-eicosatetraenoico (chamado comunmente ácido araquidónico) é un ácido graxo ω−6. Fórmase pola desaturación do ácido dihomo-gamma-linolénico (DGLA, 20:3 ω−6). Ácido todo-cis-8,11,14,17-eicosatetraenoico. É un ácido graxo ω−3. É un intermediario entre o ácido estearidónico (18:4 ω−3) e o ácido eicosapentaenoico (EPA, 20:5 ω−3)

Algunhas fontes químicas definen "ácido araquidónico" como calquera dos ácidos eicosatetraenoicos. Porén, case todas as publicacións de bioloxía, medicina e nutrición limitan o uso do termo "ácido araquidónico" ao ácido todo-cis-5,8,11,14-eicosatetraenoico (ω−6).

Estudos relacionados

O ETA encóntrase no mexillón Perna canaliculus e parece actuar como inhibidor dual da oxixenación do ácido araquidónico tanto pola vía da ciclooxixenase (COX) coma pola da lipoxixenase.

Os mutantes de Mortierella alpina 1S-4 son fungos empregados para producir ácido araquidónico. Estes mutantes producen grandes cantidades de ETA debido á expresión dun xene de ω-3-desaturase, tipicamente responsable da produción significativa dos ácidos graxos poliinsaturados máis abundantes.

Ademais da súa natureza inflamatoria, os eicosanoides como o ETA poden tamén contribuír a unha resposta anti-inflamatoria.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ácido graxo poliinsaturado Ácido graxo omega-3 Ácido graxo omega-6

Categoría:Ácidos graxos Categoría:ácidos alquenoicos