Joseba Imanol Idiakez Barkaiztegi, nado en Donostia o 14 de marzo de 1972, é un ex-futbolista e actual adestrador de fútbol español. Formado na canteira da Real Sociedad, desenvolveu case toda a súa carreira como xogador na Segunda División B, categoría na que disputou 364 partidos entre 1991 e 2007, conseguindo un ascenso á Segunda División co Ciudad de Murcia. Como adestrador dirixiu varios clubs da Segunda e a Segunda B e proclamouse campión da Primeira Federación co Deportivo da Coruña en 2024. Na súa primeira etapa no AEK Larnaca conquistou a Copa de Chipre de 2018, mentres que na segunda gañou a Supercopa de Chipre.

Traxectoria

Como futbolista Nado en Donostia, de pequeno xogaba ao fútbol na praia da Concha, e seus pais fixérono socio da Real Sociedad cando só contaba con dous anos de idade. Anos máis tarde ingresou na canteira do propio club txuri-urdin, debutando co filial na Segunda División B na tempada 1991/92, nun partido ante Osasuna B. Na seguinte campaña incorporouse ao equipo o seu irmán Iñigo, coincidindo ambos no campo xa na primeira xornada. A súa carreira viuse truncada polas dúas roturas de tibia que sufriu en 1993, tardando máis dun ano en recuperarse da segunda delas. Disputou un total de 26 partidos coa Real Sociedad B, marcando dous goles.

Tras recuperarse da lesión, fichou polo Beasain, co que xogou durante tres tempadas en Segunda B, acumulando 106 partidos e 10 goles. A continuación militou dous anos no Avilés Industrial e un no Burgos, antes de fichar en 2001 polo Ciudad de Murcia. Co equipo murciano conseguiu na súa segunda tempada o ascenso á Segunda División, categoría na que disputou 5 partidos na campaña 2003/04, antes de saír cedido ao Linares en busca de máis minutos.

Máis tarde pasou polo Girona e o Reus, antes de pechar a súa carreira cunha segunda etapa no Burgos, aos 35 anos.

Como adestrador

Comezos Comezou a súa carreira como adestrador na Real Sociedad, dirixindo o filial na Segunda División B durante a tempada 2008/09 e perdendo a categoría ao remate da competición. A continuación pasou polos bancos do Poli Ejido, o Guijuelo e o Real Unión.

Toledo En 2013 colleu as rendas do Toledo, que viña de ascender a Segunda B, e conseguiu meter o equipo na promoción de ascenso a Segunda. Entre 2014 e 2016 adestrou o Lleida Esportiu, co que disputou unha nova promoción de ascenso a Segunda, acadando a final contra o Sevilla Atlético e caendo na quenda de penaltis.

AEK Larnaca (1ª etapa) En 2016 marchou a Chipre, onde adestrou durante dous anos o AEK Larnaca. Acabou en ambas ocasións como subcampión da liga chipriota de Primeira División e conquistou a Copa de Chipre en 2018, o primeiro título do club en 14 anos.

Zaragoza No verán de 2018 regresou a España e converteuse no novo técnico do Zaragoza, dirixindo así por primeira vez un equipo da Segunda División. Con todo, foi destituído en outubro, despois de conseguir só 2 vitorias nas primeiras 10 xornadas de liga. En xaneiro de 2019 regresou ao AEK Larnaca, ao que adestrou ata final de tempada.

Axudante de Emery En xullo de 2020 ingresou no corpo técnico do Villarreal, como axudante do adestrador principal, o tamén vasco Unai Emery. Na súa primeira campaña o conxunto amarelo conquistou a Europa League, despois de derrotar ao Manchester United na final do Stadion Gdańsk.

Leganés Despois de dous anos en Vila-real aceptou a oferta do Leganés para dirixir o equipo en Segunda na tempada 2022/23. Foi cesado a falta de 8 xornadas para a conclusión da liga, co equipo clasificado na 17ª posición, 5 puntos por riba dos postos de descenso.

Deportivo da Coruña O 1 de xullo de 2023 foi anunciado como novo técnico do Deportivo da Coruña, tras a destitución de Rubén de la Barrera. O equipo arrincou o campionato con pobres resultados. Na xornada oitava, con só 8 puntos, chegou a estar en postos de descenso. Nas últimas semanas do ano, tras senllos empates na casa contra equipos da zona baixa e co equipo na metade da táboa, rumoreouse de maneira insistente co seu despedimento. Porén, tras unha segunda volta en que o equipo conseguiu 14 vitorias e 3 empates, logrou o ascenso a falta de dúas xornadas para o remate.

Na tempada 2024/25, xa en Segunda, dirixiu o Deportivo ata a súa destitución trala xornada 12, cun balance de dúas vitorias (contra Racing de Ferrol e Albacete), catro empates e seis derrotas, ocupando o equipo postos de descenso.

AEK Larnaca (2ª etapa) En maio de 2025 regresou a Chipre para coller por segunda vez as rendas do AEK Larnaca. En xullo deu a sorpresa na fase previa da Europa League, ao eliminar na primeira rolda ao Partizan en Belgrado, na segunda ao Celje esloveno de Albert Riera e na terceira ao Legia Warszawa polaco, antes de caer na rolda de play-off contra o Brann. En outubro conquistou a Supercopa de Chipre, a segunda na historia do club, ao superar nunha quenda de penaltis ao Pafos de Juan Carlos Carcedo.

Na fase de liga da Conference League da UEFA o equipo mantívose invicto, conseguindo tres vitorias e tres empates e logrando así o pase aos oitavos de final tras rematar a fase entre os oito mellores equipos. Con todo, trala clasificación europea, o equipo só puido conseguir un punto nos tres seguintes partidos de liga, o que provocou grandes protestas dos seareiros e dimisión da xunta directiva, así como a destitución do técnico.

Cádiz En abril de 2026 substituíu a Sergio González no banco do Cádiz, 18º clasificado da Segunda División, con tres puntos de marxe sobre o descenso a falta de seis xornadas. Conseguiu unha vitoria contra o Leganés e dous empates nos seus seis partidos á fronte do club, o que foi suficiente para manter a categoría. Tras lograr o ascenso ía ser o adestrador do equipo tamén na tempada 2026/27, pero foi destituído por sorpresa catro días antes do comezo da liga

Palmarés como adestrador AEK Larnaca Copa de Chipre (1): 2017/18. Supercopa de Chipre (1): 2025.

Deportivo da Coruña Primeira Federación (1): 2023/24.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do adestrador en lapreferente.com .

Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Donostia Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Burgos CF Categoría:Xogadores do CF Ciudad de Murcia Categoría:Xogadores do Linares CF Categoría:Xogadores do Girona FC Categoría:Xogadores do CF Reus Deportiu Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Adestradores do Polideportivo Ejido Categoría:Adestradores do CD Guijuelo Categoría:Adestradores do Real Unión Categoría:Adestradores do CD Toledo Categoría:Adestradores do AEK Larnaca Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores do CD Leganés Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Cádiz CF