O Tribunal Supremo de Apelacións de Virxinia Occidental (en inglés, Supreme Court of Appeals of West Virxinia) é a máxima instancia xudicial do estado de Virxinia Occidental (Estados Unidos). Creado en 1873, a súa sede está en Charleston, capital estatal, e conta con 5 maxistrados cuxas sentenzas só poden ser recorridas ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos.

Competencias e composición Segundo artigo oitavo da Constitución de Virxinia Occidental, correspóndelle ao Tribunal Supremo de Apelacións garantir o hábeas corpus e exercer o mandamus (obrigar ao cumprimento) e o certiorari (exercer a revisión xudicial). Polo tanto resolve as apelacións dos casos recorridos dende os tribunais inferiores do estado: en materia criminal directamente dende os xulgados de distrito, e en cuestións civís, familiares, laborais e administrativas do Tribunal Intermedio de Apelacións, fundado en 2021.

Os cinco xuíces que forman o Tribunal Supremo son escollidos pola cidadanía en eleccións nas que concorren candidatos independentes (os partidos políticos non poden presentar aspirantes). Os mandatos son de 12 anos, mais de quedar algún posto vacante polo falecemento, renuncia ou destitución, o gobernador debe nomear a un suplente ata as eleccións. A sede do Tribunal Supremo de Apelacións está no Capitolio estatal de Charleston, aínda que ata 1915 tamén debía celebrar vistas en Charles Town, no corredor leste entre Virxinia e Pensilvania.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web do Tribunal Supremo de Apelacións de Virxinia Occidental (en inglés)

Categoría:Tribunais supremos Categoría:Dereito nos Estados Unidos de América Categoría:Virxinia Occidental