Antonio Pedrosa y Ulloa, marqués de Villaverde de Limia, nado en Ourense o 2 de novembro de 1847 e finado en Lugo o 24 de xaneiro de 1907, foi un nobre e político galego.
Traxectoria Naceu en 1847 como fillo primoxénito de Ramón Pedrosa Porras, señor da casa de Leiro, e de Asunción Ulloa Sotelo de Neira. Casou con Ascensión González Neira tendo, polo menos, oito fillos. Vencellado a Agustín María Saco y Ulloa, carlista e titor seu, Antonio Pedrosa y Ulloa tamén militou neste movemento, sendo secretario da xunta provincial de Lugo do partido carlista en 1871 e concorreu ás eleccións xerais de España de abril de 1872. Nesta convocatoria, os carlistas e os republicanos federalistas xuntaran forzas presentando listas dentro da chamada Coalición Nacional. Este acordo é considerado polos historiadores como "antinatural" posto que o punto de unión entre ambas as dúas tendencias, antagónicas, era a oposición a Amadeu I. Deste xeito, Antonio Pedrosa y Ulloa sumou 4 353 votos dos 5 242 emitidos no distrito de Lugo. Desta volta foi o único deputado carlista electo en Galicia, o que supuxo un descenso significativo, pois o carlismo viña de acadar seis escanos galegos en 1871. A súa experiencia como deputado foi moi breve: antes dos dous meses dende que tomou posesión da acta, disolveuse o Congreso dos Deputados ante a imposibilidade de formar goberno e fixáronse novas eleccións para agosto de 1872. Foi cuñado de Dositeo Neira Gayoso, deputado e senador durante a Restauración borbónica. Faleceu en Lugo o 24 de xaneiro de 1907.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Ficha de deputado no Congreso dos Deputados (en galego)
Categoría:Nados en 1847 Categoría:Finados en 1907 Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Deputados nas Cortes Españolas durante o Sexenio Democrático Categoría:Nados en Ourense Categoría:Marqueses de Galicia