Daniel Jason Sudeikis; nado en Fairfax, Virxinia, o 18 de setembro de 1975 é un actor estadounidense. Foi membro do elenco de Saturday Night Live de 2006 até xullo de 2013. Desde 2011 pasouse ao cine, actuando en varios filmes. É coñecido tamén por crear e interpretar o papel principal na serie de Apple TV+ Ted Lasso. Gañou un premio Emmy en 2021, dous Globos de Ouro e un premio SAG en 2020.

Traxectoria

Familia e primeiros anos A súa nai, Kathryn Wendt fora presidenta da Sociedade Americana de Axentes de Viaxes; o seu pai, Daniel J. Sudeikis, traballa en desenvolvemento empresarial. O seu tío materno é o actor George Wendt (Norm Peterson en Cheers), e o seu bisavó materno foi o fotógrafo Tom Howard. Sudeikis é de ascendencia lituana e irlandesa por parte do pai, e de orixe tamén irlandesa e alemá pola súa nai. De neno, Sudeikis mudouse coa súa familia a Overland Park, Kansas, que describiu como a súa cidade natal. Naceu con anosmia, deixándoo sen olfacto e practicamente sen sentido do gusto.

Carreira En 2003, foi contratado como escritor de sketches para Saturday Night Live e converteuse en membro do elenco de 2005 a 2013. Apareceu en televisión en 30 Rock, The Cleveland Show, Eastbound & Down e outros programas.

En 2009, formou parte do lendario e último episodio de Joe Buck Live cando Artie Lange, baixo os efectos de Vicodina e whisky, chamou a Jason un "Lucky Pierre" (parte do medio dun trío sexual) e pelexou verbalmente con Joe Buck en directo no aire. Isto provocou a cancelación de Joe Buck Live.

Interpretou "Schmitty" en It's Always Sunny in Philadelphia. Tamén é coñecido polos seus papeis nas películas Somos os Miller (We're the Millers), Carta branca (Hall Pass), Como acabar co teu xefe (Horrible Bosses), Epic, Downsizing, O heroe de Berlín e A Good Old Fashioned Orgy.

Vida persoal

En xuño de 2004 casou coa guionista Kay Cannon. Separáronse en 2008 e divorciáronse en 2010.

De 2011 a finais de 2020 tivo unha relación coa actriz Olivia Wilde; teñen un fillo, Otis e unha filla, Daisy.

Notas

Categoría:Actores de voz dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de televisión dos Estados Unidos de América Categoría:Guionistas dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de Kansas Categoría:Nados en 1975 Categoría:Actores dos Estados Unidos de América Categoría:Estadounidenses de ascendencia irlandesa Categoría:Estadounidenses de ascendencia alemá Categoría:Estadounidenses de ascendencia lituana