Víctor Eimil García, nado en Vilalba o 18 de xaneiro de 1999, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito no Guadalajara, da Segunda Federación.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Racing Vilalbés, onde tivo como adestrador a Paco Corredoira, técnico que deixou unha profunda pegada nel, especialmente trala morte de seu pai. En segundo ano de cadete incorporouse ao Deportivo da Coruña, do que era afeccionado dende pequeno.

No seu primeiro ano no Deportivo xogou como extremo xunto a Boedo e Mosquera, anotando máis de 20 goles cada un deles. Con todo, na súa etapa no equipo xuvenil foi reconvertido como lateral dereito. En 2017 saíu cedido ao Laracha, club que en 2018 se converteu no segundo filial deportivista, e no que Eimil xogou durante dúas campañas en Terceira División. Na segunda delas disputou os seus primeiros partidos co Fabril, na Segunda División B, e no 2019/20 converteuse en xogador fabrilista a tódolos efectos, xa en Terceira, tralo descenso do filial na tempada anterior.

Entre 2020 e 2022 xogou no Arenteiro, proclamándose na súa primeira tempada campión da Terceira División e ascendendo así á Segunda División RFEF. Na 2021/22 foi titular na vitoria sobre a SD Logroñés na Copa do Rei e no histórico partido contra o Valencia no Espiñedo. Disputou un total de 54 encontros co club do Carballiño, anotando 7 goles.

A continuación xogou un ano no Hércules, tamén de Segunda RFEF, xogando 24 partidos e marcando un gol. Para a tempada 2023/24 aceptou unha oferta do Real Unión, da Primeira División RFEF, equipo adestrado polo galego Fran Justo e onde coincidiu co tamén galego Antón Escobar. Militou dúas campañas no club vasco, sumando 56 partidos oficiais e 2 goles, pero no seu segundo curso descendeu á Segunda Federación.

Para a tempada 2025/26 anunciouse a súa fichaxe polo Pontevedra, que viña de ascender á Primeira Federación. Co conxunto granate disputou 29 encontros, 17 deles como titular, e anotou dous goles. No verán de 2026 fichou polo Guadalajara, da Segunda Federación.

Palmarés Arenteiro Terceira División (1): 2020/21.

Notas

Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Vilalba Categoría:Futbolistas de Vilalba Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do Real Unión Categoría:Xogadores do Pontevedra CF