Alberto Solís Gómez, nado en Tomares o 1 de xaneiro de 1998, é un futbolista español que xoga como centrocampista ofensivo no FC Andorra, da Primeira División RFEF.
Traxectoria Formouse como futbolista na canteira do Sevilla, chegando a ser internacional con selección española sub-16. No verán de 2015 fichou polo xuvenil do Celta de Vigo, co que xogou dous anos na División de Honra. Na tempada 2016/17 debutou co filial celeste, o Celta B, na primeira xornada da Segunda División B, ante o Mutilvera. No verán de 2017 renovou o seu contrato co club vigués, pero en outubro sufriu a rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo, lesión que o afastou dos terreos de xogo durante sete meses. Reapareceu na tempada seguinte, converténdose nun dos futbolistas importantes do filial, co que xogou 31 partidos, marcando dous goles.
No verán de 2019 foi convocado por Fran Escribá para realizar a pretempada co primeiro equipo do Celta, xunto a outros oito xuvenís. Continuou un ano máis no filial, disputando 18 partidos e anotando 4 goles, ata que a pandemia de COVID-19 paralizou o fútbol do país. No verán de 2020 debutou co primeiro equipo céltico nun amigable ante o Oviedo, da man de Óscar García Junyent, pero non tivo oportunidades en partidos oficiais. En decembro volveu sufrir outra lesión, aínda que acabou sendo unha peza importante do Celta B que disputou a promoción de ascenso a Segunda División.
No verán de 2021 puxo fin a súa etapa en Vigo tras seis tempadas, nas que disputou 78 partidos co filial, marcando 11 goles. En agosto de 2021 fichou pola Cultural Leonesa, da nova Primeira División RFEF. Xogou 69 partidos nos seus dous anos en León, anotando 11 goles.. Para a campaña 2023/24 asinou como novo xogador do Real Unión, adestrado polo galego Fran Justo. Indiscutible no conxunto irundarra, disputou como titular as 38 xornadas de liga e foi o máximo goleador do equipo xunto ao galego Antón Escobar, con 12 goles cada un.
En xuño de 2024 asinou como novo xogador do Andorra, equipo que viña de descender á Primeira RFEF.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .
Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Tomares Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Real Unión Categoría:Xogadores do FC Andorra