Chen Qiufan (chinés simplificado: 陈楸帆; pinyin: Chén Qīufān), nado en Shantou no 1981, é un escritor e guionista chinés de ciencia ficción. É vicepresidente de Identidade e Marca de Comunicacións de Noitom, empresa emerxente de realidade virtual e captura de movemento. Tamén é coñecido polo alcume de Stanley Chan.
Traxectoria Liu Cixin, escritor considerado pola crítica como o autor máis famoso de ciencia ficción na China, declarou sobre a obra Marea tóxica, 荒潮 (2013), a primeira novela de Qiufan (publicada en chinés en 2013, e en inglés e español no 2019) que é ≪a obra cumio da ciencia ficción de futuro próximo≫.
Chen foi galardoado con numerosos premios literarios, entre eles o Dragon Fantasy Award de Taiwán e o Yinhe e o Xingyun chineses. No referente a traducións ao inglés, os seus contos aparecen en revistas como Clarkesworld, Pathlight, Lightspeed, Interzone e The Magazine of Fantasy & Science Fiction. ≪O peixe de Lijiang≫, 丽江的鱼儿们, (2006) gañou o Science Fiction and Fantasy Translation Award en 2012 e o ≪Ano da Rata≫, 鼠年, (2009) incluíuse na antoloxía The Year's Best Weird Fiction: Volume One seleccionada por Laird Barron. Estes dous contos, amén dun terceiro, poden lerse en Planetas invisibles.
≪A chegada da luz≫, 开光 (2012) trata sobre o absurdo da vida dunhas elites tecnosociais gobernantes en Pequín.≪Historias das enfermidades futuras≫ 未来病史 (2012) enmárcase na ciencia ficción escura. En ambas obras o Estado chinés non se presenta como todopoderoso, porén é a poboación á que se critica como apática, amoral ou ignorante da súa propia historia.
Con formación en Literatura e Marketing Chen Qiufan traballou en Baidu e Google China ata 2017.
Traducións
Chen, Q. (2019a). Contaminación. Tradución directa ao castelán de Iris Capilla Campoamor. ¡Hjckrrh! Chen, Q. (2019b). Marea tóxica. Tradución mediada do inglés ao castelán de David Tejera. Nova. Varios autores (2017). Planetas invisibles. Edición de Ken Liu. Tradución mediada do inglés ao castelán de David Tejera e Manuel de los Reyes. Runas. Varios autores (2020). Estrellas rotas. Edición de Ken Liu. Tradución mediada do inglés ao castelán de María Pilar San Román. Runas.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas 陈楸帆 (La literatura china traducida en España)
Categoría:Escritores da China Categoría:Escritores de ficción científica Categoría:Nados en 1981