miniatura|320x320px|Espallamento do Neolítico pola Eurasia occidental.O Neolítico na Península Ibérica é unha etapa da Prehistoria, datada entre o V e o III milenio a.C, caracterizada polo inicio de fondas transformacións que permitiron superar o Paleolítico.

Cambios asociados Durante o Neolítico, as comunidades humanas comezaron a produción de alimentos (cultivo de plantas e domesticación) o que lles permitiu abandonar a economía predadora (caza e recolleita) e o nomadismo do Paleolítico. A sedentarización propiciou un crecemento demográfico e unha maior complexidade social e tecnolóxica. Así, a pedra tallada foi substituída pola pedra pulimentada o que permitiu a elaboración de instrumentos relacionados coa agricultura (machadas, sachos, muíños de man, fouces) e novas industrias como o téxtil, a cerámica e cestería, fundamentais para a conservación e cocción de alimentos. Isto levou a unha maior especialización do traballo facéndose cada vez máis complexa a organización social.

Neolitización peninsular miniatura|Fragmento de cerámica cardial do xacemento de Cova Gran de Collbató As orixes do Neolítico sitúanse en Oriente Próximo pero na Península Ibérica as primeiras evidencias aparecen cara ao V milenio a.C. O paradigma principal para explicar a chegada destas transformacións é o difusionista, explicándose polo contacto das culturas autóctonas coas influencias chegadas polo Mediterráneo. Estes contactos están asociadas á cerámica cardial, chamada así pola decoración incisa feita con cunchas de berberecho. Os xacementos máis antigos que conservan fragmentos desta cerámica localízanse no nordés peninsular e están relacionados aos do sur de Francia.

Durante o neolítico inicial os asentamentos humanos foron en covas sendo senlleiros os xacementos de Nerja ou La Sarsa (Bocairent, Valencia). Nelas existen mostras de cultivo de cereais (cebada en ambos casos e tamén trigo en La Sarsa) e cría de animais (ovicápridos en ambas as dúas, e do xénero bos tamén na de La Sarsa). Os restos humanos máis antigos ligados co Neolítico atopáronse en Cova Bonica (Vallirana) e están datados entre 5475 e o 5220 a.C.

Posteriormente, as comunidades humanas asentáronse en terras fértiles e o Neolítico estendeuse dende o litoral mediterráneo cara ao interior peninsular. Destacan no sueste a cultura de Almería (2800-2600 a.C) con vivendas circulares e sepulturas en necrópoles, e a cultura dos sepulcros en foxa (3500-2500 a.C) do nordés. Progresivamente, a estrutura social fíxose cada vez máis complexa e a aparición de obxectos de prestixio nalgunhas tumbas indica certa xerarquización social, como evidencia o megalitismo, rompéndose o igualitarismo asociado ao Paleolítico.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Revolución neolítica Neolítico Prehistoria

Categoría:Neolítico Categoría:Historia da Península Ibérica