Jeffrey Nape, nado en 1964 e finado o 8 de xullo de 2016, foi un político papúa que ocupou o cargo de Presidente do Parlamento de Papúa-Nova Guinea desde o 28 de maio de 2004 até o ano 2012. Ao ocupar ese posto converteuse en dúas ocasións en Gobernador xeral interino, por estar este posto vacante concluído os mandatos de Bill Skate en 2004 e o de Paulias Matane en 2010.

Cesou como gobernador o 29 de xuño de 2004, ao ser nomeado Paulias Matane para o cargo. Despois das eleccións xerais de 2007, Nape volveu a ser elixido presidente do Parlamento o 13 de agosto do mesmo ano. Derrotou nunha votación ao candidato opositor, Bart Philemon, con 86 votos a favor e 22 en contra. Ese mesmo día foi confirmado no seu posto polo gobernador Matane.

Como presidente do parlamento xogou un importante rol na crise constitucional de viviu Papúa-Nova Guinea nos anos 2011 e 2012. O 2 de agosto de 2011 aceptou unha proposta da oposición para elixir un novo primeiro ministro ao considerar que o que había, Michael Somare, renunciara ao cargo ao ter que deixalo en mans de Sam Abal por unha enfermidade. Peter O'Neill foi elixido primeiro ministro, mais Sam Abal recorreu a decisión aos tribunais e a Corte Suprema deulle a razón en abril de 2012 ao considerar a votación parlamentaria ilegal, ordenando que Somare volvese ao cargo. Nape negouse a cumprir esta orde do tribunal supremo ao considerar que O'Neill era o lexítimo primeiro ministro do país. O gobernador xeral, Michael Ogio, si recoñeceu a Somare como primeiro ministro en cumrpimento da orde xudicial. Ante esta decisión, o parlamento suspendeu a Ogio do seu cargo o 14 de decembro, converténdose de forma automática Nape en gobernador xeral interino. Mais a raíña Isabel II non referendou a decisión e o parlamento finalmente acabou levantando a suspensión de Ogio o 19 de decembro. A crise non se solucionou até a celebración das eleccións de xuño de 2012, coas que logo O'Neill acabaría sendo referendado no seu cargo. Nape perdeu o seu escano nestas eleccións e deixou por tanto de ser presidente do Parlamento. Nestas eleccións foi acusado por un rival da súa circunscrición de tentar subornalo para que se retirara das eleccións e así Nape tivese máis opcións de gañar.

Notas

Categoría:Nados en 1964 Categoría:Finados en 2016 Categoría:Políticos de Papúa-Nova Guinea