Refaat Alareer (en ), nado o 23 de setembro de 1979 en Gaza e finado o 6 de decembro de 2023, foi un escritor, poeta, docente e activista palestino. Foi profesor de literatura e escrita creativa na Universidade Islámica de Gaza, e cofundador da organización We Are Not Numbers.

Traxectoria Primeiros anos e formación Refaat Alareer naceu no ano 1979 en Shuja'iyya, barrio do leste da cidade de Gaza. Segundo o autor, nacer en Gaza supoñía que "todo movemento e toda decisión dependían da influencia (decote negativa) da ocupación israelita".

Graduouse en Inglés no 2001 pola Universidade Islámica de Gaza, para logo cursar un mestrado en Literatura Comparada no University College de Londres no 2007. No 2017 doutorouse en Literatura Inglesa pola Universidade Putra Malaisia, cunha tese sobre o poeta John Donne (1572-1631).

Dende 2007, Alareer foi profesor da Universidade Islámica de Gaza, onde ensinaba literatura e escrita creativa. Nas súas clases traballou a obra do poeta israelita Yehuda Amichai, que consideraba fermosa e perigosa a un tempo. O autor editou dous volumes de relatos palestinos, Gaza Unsilenced (2015) e Gaza Writes Back (2014). Este último constitúe "un intento de fornecer un testemuño para as vindeiras xeracións". Foi cofundador da organización We Are Not Numbers, un programa de mentoría para autores gazatís e estranxeiros.

Durante o conflito israelí-palestino de 2023, Alareer fixo varias intervencións en medios de comunicación internacionais, como a BBC, Democracy Now! ou ABC News. O poeta describiu o ataque de Hamás a Israel do 6 de outubro de 2023 como "lexítimo e ético", e comparouno co levantamento do gueto de Varsovia. Tamén rexeitou as acusacións de crimes sexuais contra Hamas, considerándoas mentiras para "xustificar o xenocidio de Gaza".

Falecemento

Alareer e a súa muller, Nusayba, tiveron seis fillos. Durante o conflito de Gaza no 2014, as tropas israelitas mataron ao seu irmán Hamada, ao seu sogro, aos seus cuñados e mais ás súas tres sobriñas. Para o ano 2021, o poeta e a súa esposa perderan máis de trinta familiares.

Refaat Alareer faleceu nun ataque aéreo israelita o 6 de decembro do 2023, aos 44 anos de idade. Entre as vítimas tamén se atopaban os seus irmáns Salah e Asmaa, e tres fillos desta última, Alaa, Yahia e Mohammed. Segundo unha declaración de Euro-Med Monitor, Alareer foi un obxectivo deliberado do ataque. O poeta levaba semanas recibindo ameazas de morte por teléfono e a través da Internet.

Obras Edicións Alareer, R. (ed. 2014). Gaza Writes Back: Short Stories from Young Writers in Gaza, Palestine. Just World Books. Alareer, R. e El-Haddad, L. (eds. 2015). Gaza Unsilenced. Just World Books.

Ensaios Alareer, R. (2022). Gaza Asks: When Shall this Pass? En Light in Gaza: Writings Born of Fire. Alareer, R. (2023): They even keep our corpses: Dying in Israeli prisons. Scalawag Magazine.

Traballos académicos Alareer, R. (2017a). A Bakhtinian Reading of John Donne’s Parody Poem “The Bait”. Advances in Language and Literary Studies, 8(1), pp. 200-206. Alareer, R. (2017b). Unframing John Donne's transgressive poetry in light of Bakhtin's dialogic theories [Tese de doutoramento]. Universidade Putra Malaisia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Refaat Alareer (Academia.edu) Stories Makes Us (Tedx)

Categoría:Activistas de Palestina Categoría:Alumnos do University College London Categoría:Finados en 2023 Categoría:Nados en 1979 Categoría:Escritores de Palestina Categoría:Nados en Gaza Categoría:Personalidades sen imaxes