A α-endorfina (alfa-endorfina) é un péptido opiáceo endóxeno cunha lonxitue de 16 aminoácidos e coa seguinte secuencia: Tyr-Gly-Gly-Phe-Met-Thr-Ser-Glu-Lys-Ser-Gln-Thr-Pro-Leu-Val-Thr. Co uso da espectrometría de masas, Nicholas Ling conseguiu determinar a secuencia primaria da α-endorfina.
Relación coa beta- e a gamma-endorfinas
As endorfinas coñécense xeralmente como neurotransmisores que se liberan cando o corpo sofre dor. As tres endorfinas que xogan un papel nesta resposta son a α-endorfina, a β-endorfina (beta-endorfina) e a γ-endorfina (gamma-endorfina), que derivan todas dun mesmo polipéptido chamado proopiomelanocortina. Aínda que todas elas teñen función de neurotransmisores, os efectos específicos de cada unha son diferentes. A endorfina máis estudada das tres é a β-endorfina. As α-endorfinas conteñen un aminoácido menos que as γ-endorfinas, diferindo nun só residuo do aminoácido leucina no extremo terminal. Aínda que isto pode parecer unha diferenza menor, orixina a produción de efectos moi distintos. De feito, as γ-endorfinas e as α-endorfinas teñen efectos opostos, o cal lles permite contribuír a manter o nivel de homeostase no cerebro e no comportamento dos animais. Non se estudaron en profundidade nin se comprenden totalmente todos os efectos específicos no corpo das α-endorfinas. Con todo, algúns estudos suxiren que estas endorfinas se comportan de xeito similar ás anfetaminas. Outros estudos indican que os efectos das α-endorfinas son similares aos das drogas psicoestimulantes.
Se clasificamos as endorfinas pola súa lonxitude, as α-endorfinas son as máis curtas, con só 16 residuos de aminoácidos, mentres que as β-endorfinas son as que teñen a cadea máis longa, a cal empeza pola mesma secuencia de 16 aminoácidos das α-endorfinas: Tyr-Gly-Gly-Phe-Met-Thr-Ser-Glu-Lys-Ser-Gln-Thr-Pro-Leu-Val-Thr e ten despois outros 15 aminoácidos adicionais. Esta mesma secuencia está presente tamén na γ-endorfina, que ten un aminoácido adicional, unha Leu. A cadea inicial de 5 aminoácidos Tyr-Gly-Gly-Phe-Met tamén se coñece como a secuencia opiácea pentapéptida N-terminal. Con esa configuración, as endorfinas actúan como agonistas dos receptores opiáceos do cerebro.
Efectos sobre o comportamento A α-endorfina é o péptido máis potente para atrasar os comportamentos de evitación. A α-endorfina ten a mesma secuencia C-terminal da β-LPH, o que permite que estes péptidos teñan unha alta afinidade polos sitios de unión opiáceos. Mesmo unha lixeira diferenza no aminoácido C-terminal pode ter drásticos efectos no comportamento de evitación. A importancia da secuencia débese a que determina a función da endorfina. Cando se elimina un aminoácido N-terminal como a tirosina, parece non haber impactos significativos no comportmento de evitación. Porén, cando hai axustes na secuencia C-terminal, como eliminar o fragmento da β-LPH entre os residuos 61-65, a actividade de endorfina decrece.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Endorfina Anfetamina
Categoría:Neuropéptidos Categoría:Péptidos opiáceos