, pseudónimo de , nado en Xuzhou no 1963, é un poeta, ensaísta e tradutor chinés. É considerado un dos autores máis influentes da poesía chinesa contemporánea. Ademais de poesía, publicou dous volumes de ensaios, un libro de crítica literaria, unha obra de teatro e traducións de escritores como Pound, Borges ou Miłosz.

Traxectoria Xi Chuan naceu en Xuzhou, na provincia de Jiangsu, mais medrou en Beijing. Alí, estudou nunha escola de linguas estranxeiras para diplomáticos. Despois, matriculouse na Universidade de Beijing, onde se graduou en Lingua Inglesa. A súa tese de fin de carreira versou sobre as traducións da poesía chinesa realizadas por Ezra Pound. Foi nesta época que adoptou o seu pseudónimo, Xi Chuan (literalmente, "río do oeste"). Traballou como editor das revistas Huangqiu ("O globo") e Qingxiang ("Tendencia"), da que foi fundador. Este último foi un magazine literario independente que se publicou entre o 1988 e o 1992, cando foi clausurado polas autoridades, tras só tres números. Entre o 1990 e o 1995, foi un dos editores da revista Xiandai han shi 现代汉诗 ("Poesía han moderna"). Tamén actuou na película Zhantai 站台 ("Plataforma", 2000), de Jia Zhangke.

Gañou fama durante o período de liberalización económica de finais dos oitenta. No 1989, faleceron dous dos seus amigos máis próximos, tamén poetas e estudantes da Universidade de Beijing. Hai Zi suicidouse o 26 de marzo, aos vinte e cinco anos de idade; Luo Yihe morreu dunha hemorraxia cerebral o 31 de maio, aos vinte e oito. Esta perda, xunto co fracaso das protestas da praza Tian'anmen, levouno a deixar de escribir durante dous anos. O parón converteu o seu verso, condensado e lírico, no que se mesturaban influencias do modernismo occidental coa tradición clásica chinesa, nunha sorte de prosa meditabunda, moi afastada do seu anterior esteticismo e musicalidade. Este novo estilo combina prosa e verso para artellar o que Xi chama unha pseudofilosofía (wei zhexue 未哲学), que procura afondar nos recunchos máis escuros da realidade humana.

Na actualidade, é profesor de literatura chinesa clásica e contemporánea na Academia Central de Belas Artes de Beijing. Xa tiña ensinado literatura occidental e inglés. Foi profesor invitado en universidades estranxeiras, como a Universidade de Nova York ou a Universidade de Victoria. Gañou premios en varios países, incluída unha bolsa da UNESCO. É director da revista Dangdai guoji shitan 当代国际诗坛 ("Poesía contemporánea internacional"). Editou as obras póstumas do seu amigo Hai Zi.

Premios Premio de poesía chinesa moderna (1994). Premio Lu Xun de literatura (2001). Premio Zhuang Zhongwen de literatura (2003).

Obra Ensaio Shuizi 水渍 ("Marcas de auga", 2001). Youdang yu xiantan: yi ge zhongguoren de yindu zhi xing 游荡于闲谈:一个中国人的印度之行 ("Derivas e conversas: a marcha dun chinés á India", 2004).

Poesía Zhongguo de meigui 中国的玫瑰 ("Rosas chinesas", 1991). Zhijing 致敬 ("Tributo", 1992). Xugou de jiapu 虚构的家谱 ("Xenealoxía ficticia", 1997). Yinmi de huihe 隐秘的汇合 ("Converxencia secreta", 1997). Dayi ruci 大意如此 ("Máis ou menos", 1997). Ying de huayu 鹰的话语 ("As palabras da aguia", 1999). Xi Chuan de shi 西川的诗 ("A poesía de Xi Chuan", 1999). Shenqian 深浅 ("O fondo e o superficial", 2006). Geren haowu 个人好恶 ("Preferencias persoais", 2008). Gou yi meng 够一梦 ("Abonda un soño", 2013).

Traducións En castelán Xi Chuan (2017). Murciélagos al atardecer. Tradución de Miguel Ángel Petrecca. Bajo la Luna. Xi Chuan (2020). Entierro mi cola: Antología poética. Tradución de Roberto H. E. Oest e Jia Yangsheng. Huerga y Fierro.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas 西川 (La literatura china traducida en España)

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China