Anticlea é unha muller da mitoloxía grega, filla do astuto ladrón Autólico e de Anfítea. Foi esposa de Laertes, rei da Ítaca e nai do heroe Odiseo.

O pai de Autólico foi Hermes, coñecido como o mensaxeiro de Zeus pero tamén por ser o deus dos ladrónsAcabado de nacer, aínda cos cueiros, foi quen de roubarlle o gando a Apolo.. Hermes concedeulle ó seu fillo o don de poder cambiar a cor e a forma das cousas, o que Autólico aproveitou para roubar con éxito o gando dos demais e escapar cambiándolle a cor ou poñéndolle ou quitándolle cornos, para que ninguén o puidese recoñecer.

Unha das súas vítimas foi Sísifo, a quen lle foi roubando as vacas ós poucos. Sísifo deuse de conta que o seu rabaño minguaba á par que medraba o de Autólico, pero non era quen de recoñecer as súas vacas. Entón fixo unhas marcas nos pezuños das vacas que lle quedaban e así puido demostrar que eran as que agora estaban no rabaño de Autólico, aínda que agora tivesen outra cor. A tradición di que marcou o seu gando coas iniciais "SS" ou ben coa frase "roubado por Autólico"Graves, px. 239..

Xa seguro da súa propiedade, foi á casa de Autólico a reclamarlle o que era seu e levou o seu gando. Pero aloxouse na casa deste e aproveitou a ocasión para seducir á filla, a AnticleaO ben foi ela o que se entregou., que esa mesma noite casaba con Laertes e, tivo un fillo, Odiseo, do que quedou a dúbida de se era fillo de Sísifo ou de Laertes"Aínda que pasaba por ser fillo de Laertes, este Odiseo fora procreado en segredo por Sísifo e Anticlea, filla do afamado ladrón Autólico" (Graves, px. 693)..

Atribúese á paternidade de Sísifo o carácter mentireiro e raposeiro que Homero dá a Odiseo. Outros autores tamén lembran esta innobre orixe de Odiseo: Filoctetes maldí a Diomedes e Odiseo por abandonalo, ferido e só, durante a expedición a Troia, e di ó coñecer que morrera Áiax: "¡Pero o fillo de Tideo e o fillo de Sísifo, comprado por Laertes, non hai medo que morran, non, e son eles os que non deberían vivir"Sófocles: Filoctetes 416.. Tamén Eurípides se refire a el como "descendencia de Sísifo"Eurípides: Cíclope 104..

Anticlea pediulle ó pai que lle puxese nome ó meniño e Autólico bautizouno como Odiseo, que significa Anoxado, porque será vítima das inimizades que tiña el, Autólico. Prometeu que se Odiseo ía algunha vez ó Parnaso a pedirlle explicacións, el colmaríao de agasallos para acougalo. Efectivamente, ó medrar, Odiseo foi ver ó avó e, estando de caza con el, foi atacado e ferido na coxa por un xabarilOdisea XIX, 393; Graves, px. 693.. A cicatriz na coxa foi o detalle que permitiu á criada recoñecelo cando regresou a ÍtacaOdisea XIX, 4679..

Odiseo permaneceu ausente da súa patria, Ítaca, durante vinte anos, tal como lle vaticinara o oráculo: dez anos que durou a Guerra de Troia e outros dez anos que lle levou a viaxe de regreso, a Odisea. Ante tan longa ausencia e sen ter noticias del, a nai, Anticlea, chea de dor, terminou suicidándose. No descenso de Odiseo ós Infernos para preguntar ó adiviño Tiresias as causas das mil desventuras que sufrían os seus barcos, puido ver á súa nai entre as almas en pena do Hades, entre outras moitas doutros personaxes.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

[especialmente Fábula 201]

Categoría:Mulleres na mitoloxía grega