Na defensa dos animais é un libro de Óscar Horta, filósofo moral da Universidade de Santiago de Compostela e fundador da organización Ética Animal. Foi publicado por Axóuxere Editora no ano 2019. Na obra, Horta examina diversos temas no campo da ética animal, como o especismo, a sintiencia, o sufrimento dos animais salvaxes, o veganismo e o longopracismo.

Contidos O primeiro capítulo examina que é o especismo e por que constitúe unha discriminación inxustificada. Afirma que ningunha das defensas da idea de que os intereses dos animais non humanos terían que contar menos que os intereses dos seres humanos funcionan. Seguidamente, no capítulo dous, Horta define o concepto de sintiencia, argumentando que a posesión desta capacidade debería ser o que determinase que un individuo sexa moralmente considerado ou non, e analiza a evidencia dispoñíbel a favor de que os animais non humanos son sentintes.

Tras isto, no capítulo tres, describe con moito detalle a terríbel situación que padecen a maioría de animais non humanos explotados polos seres humanos. Despois, presenta varios argumentos nos capítulos catro e cinco cos que conclúe que non deberiamos utilizar aos animais non humanos e que é posíbel ter unha vida boa sen comelos ou explotalos doutros xeitos.

Nos capítulos finais, Horta propón como podemos axudar a mellorar a situación dos animais non humanos, especialmente os que viven no mundo salvaxe e aqueles que existirán no futuro. Exemplos inclúen: doar a organizacións benéficas eficaces, axudar ou rescatar a aqueles animais non humanos que viven no mundo salvaxe sempre que poidamos, ou efectuar cambios significativos e duradeiros nas actitudes que o público xeral ten cara aos animais non humanos.

Recepción Existen diversas recensións do libro en revistas académicas, tanto en inglés como en castelán. Na súa recensión, Peter Sandøe afirmou que quen decida ler o libro "será capaz de entreterse e aprender examinando os argumentos sinxelos, mais estimulantes, na súa maioría baseados en experimentos mentais, que Horta presenta no libro". A obra foi tamén recibida positivamente en varias recensións en castelán. Guillermo Lariguet afirmou que está "moi ben escrito, é claro, preciso e profundo". Fernando Luna Hernández considerou que "presenta a cuestión da sintiencia animal dun xeito moi sinxelo, serio e instrutivo". Brenda Yesenia Olalde Vázquez escribiu que "explica de xeito claro conceptos como a sintiencia e o veganismo" e que Horta convida a reflexionar sobre como podemos mellorar a situación dos animais "que existen no presente", así como a "das xeracións futuras de animais non humanos".

O libro tamén foi recibido positivamente por Paola Cavalieri, Peter Singer, Alexandra Navarro, Steve Sapontzis, Lu Shegay, Angela Martin, Adewale O. Owoseni, Kyle Johannsen, Jens Tuider, Núria Almirón, Bob Fischer, Steven P. McCulloch e Jeanette Rowley. Cavalieri describiu o libro como "unha poderosa chamada a un cambio radical nas nosas actitudes cara aos animais, e no xeito en que os tratamos". Singer considerouno "inspirador e ideal para recomendar a quen está a comezar no camiño da liberación animal, ou a quen aínda non coñece o tema e desexa examinalo", dado que " está escrito de forma sinxela e fácil de entender" e "proporciona argumentos sinxelos e convincentes para a defensa dos animais, analizando todas as aproximacións posíbeis á cuestión".

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas "Ética contra o sufrimento dos animais" (Nós Diario) Na defensa dos animais (Axóuxere Editora)

Categoría:Obras literarias de 2019 Categoría:Obras filosóficas