, nado en Matsusaka (provincia de Ise) o 21 de xuño do 1730 e finado na mesma localidade o 5 de novembro do 1801, foi un erudito xaponés do período Edo. É o máis coñecido e destacado dos membros da escola kokugaku.
Traxectoria Norinaga naceu en Matsusaka, na provincia de Ise (actual prefectura de Mie). Foi o segundo fillo dos Ozu, unha familia de comerciantes locais. Tras o pasamento do seu irmán máis vello, Norinaga converteuse en herdeiro. No 1748, foi adoptado polos Imaida, que o devolveron dous anos despois.
Por suxestión da súa nai, aos vinte e dous anos trasladouse a Kyoto a estudar medicina, aínda que tamén se familiarizou coa filoloxía chinesa e xaponesa, baixo a tutela do neoconfucianista Hori Keizan. Nesta época, comeza a interesarse polos clásicos xaponeses, e decide entrar no campo do kokugaku baixo a influencia de Ogyū Sorai e Keichū. Debido aos cambios sufridos polo idioma nipón, os antigos clásicos eran difíciles de entender, polo que os textos requerían dunha análise filolóxica para ser comprendidos adecuadamente.
Tras regresar a Matsusaka, abriu un consultorio médico para nenos. Como doutor, adoptou o nome dun dos seus devanceiros samurai, Motoori. No seu tempo libre, estudaba obras clásicas coma o Genji monogatari ou o Nihon shoki. Aos vinte e sete anos, adquiriu varios libros de Kamo no Mabuchi, afondando aínda máis nos estudos do kokugaku.
Arredor do 1763, Norinaga coñeceu a Mabuchi en persoa cando este viaxaba cara ao santuario de Ise. Esta reunión é coñecida como "a noite de Matsusaka". Norinaga aproveitou a visita para que Mabuchi revisase as súas anotacións ao Kojiki. Mabuchi suxeríu que se centrase primeiro no Man'yōshū para habituarse aos antigos kana, coñecidos como man'yōgana. Esta sería a única reunión entre ambos estudosos, aínda que continuarían a relacionarse por correspondencia.
A pesar de que foi historicamente recoñecido polo seu labor filolóxico, traballou coma doutor durante corenta anos, até a súa morte no 1801. Entre os seus discípulos, destacan Ishizuka Tatsumaro, Nagase Masaki, Natsume Mikamaro, Takahashi Mikiakira e o seu propio fillo, Motoori Haruniwa, así como o seu fillo adoptivo, Motoori Ōhira.
Obra alt=Varios volumes do Kojiki-den (1798)|miniatura|Varios volumes do Kojiki-den (1798) Entre os seus libros máis importantes, destacan o Kojiki-den, un longo comentario e análise do Kojiki elaborado durante 35 anos, e as súas anotacións ao Genji monogatari. Norinaga criticou a Ogyū Sorai pola súa adoración das ensinanzas e a civilización chinesas, a pesar da influencia que Sorai tivo na súa propia metodoloxía filolóxica.
Os eruditos da época tiñan unha preferencia pola grandeza da poesía do Man'yōshū, considerada unha obra masculina, fronte á covardía e feminidade do Genji monogatari. Norinaga enalteceu a posición do Genji monogatari, analizado a través do concepto de mono no aware, unha peculiar sensiblidade da mágoa no sufrimento, que consideraba parte da esencia da literatura xaponesa.
No seu propio labor como poeta e teórico da literatura, Norinaga emprega este concepto de mono no aware xunto con outros tres: koe 声 ("voz"), aya 綾 ("patrón") e sugata 姿 ("forma"). Segundo Norinaga, os escritores expresan o son das palabras (koe) mediante a escrita (aya) para darlles unha forma poética (sugata), co obxectivo de conmover ao lector e transmitirlle esa sensación melancólica e profunda (mono no aware).
Norinaga fixo contribucións vitais ao estudo do xaponés antigo, establecendo unha tradición gramatical e filolóxica para a lingua nipoa. En particular, destacan o seu estudo dos clíticos, as partículas e mais os verbos auxiliares.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Motoori Norinaga (Aozora Bunko)
Categoría:Nados en 1730 Categoría:Finados en 1801 Categoría:Xintoísmo Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Filosofía xaponesa Categoría:Filósofos do Xapón