A Biblioteca Municipal A. Castelao é a Biblioteca Municipal da cidade de Betanzos. A biblioteca atópase no antigo mosteiro de San Domingos de Betanzos (século XVII-XVIII). Nese mesmo edificio atópanse o Arquivo Municipal de Betanzos e o Museo das Mariñas.
Na biblioteca, xunto co arquivo e o museo, edítase a publicación cultural Anuario Brigantino.
Historia A Biblioteca Municipal A. Castelao tivo a súa primeira sede no Colexio de Orfas de Betanzos, inaugurándose o 7 de marzo de 1946 cun fondo de 1500 volumes. Dirixida nese momento por Francisco Carlos Seijo, contaba con exposicións de arte, organizaba conferencias e celebraba a Fiesta Nacional del Libro Español o 21 de abril..
Tras pasar por diferentes etapas, recobrou o seu esplendor na década de 1970, coa participación de varios profesores e alumnos do Instituto Francisco Aguiar, que se farían cargo da súa xestión. Purificación Calviño foi a encargada da xestión entre 1974 e 1980. O 25 de marzo de 1980 o pleno municipal acorda honrar a memoria de Castelao outorgándolle o seu nome á biblioteca municipal.
En xaneiro de 1981 pasou a estar dirixida por Alfredo Erias, contando no momento da súa incorporación con 871 persoas socias e 4972 volumes. En 1983 trasladouse ao antigo convento de San Domingos, coincidindo coa inauguración do Museo das Mariñas.
Dende o 1 de xullo do 2022 está dirixida por Ángel Arcay Barral. Contando con algo máis de 1000 persoas socias e con máis de 23 000 volumes, despois de facer un expurgo da colección e a migración ao sistema de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia. Entre as actividades realizadas destacan as actividades de difusión lectora e os clubs de lectura, entre eles un sobre a historia da cidade organizado para maiores de 65 anos e que foi recoñecido co Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia na edición do 2023.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas https://bam.betanzos.gal/biblioteca/
Categoría:Bibliotecas de Galicia Categoría:Betanzos