O Wenfu (chinés tradicional: 文赋; chinés simplificado: 文赋; pinyin: Wénfù; Wade-Giles: Wen2-fu4) é unha das grandes poéticas chinesas, así como unha obra importante no desenvolvemento do xénero de poesía fu 赋. O seu autor, Lu Ji (261-303), emprega o verso para expoñer os fundamentos filosóficos da poesía e as súas formas retóricas.

A súa influencia na literatura chinesa só é comparable á do Wenxin diaolong (século V), de Liu Xie.

Título Wenfu podería traducirse literalmente como "fu sobre a literatura" ou "fu sobre a escrita". Neste sentido, ten recibido diversos nomes en linguas occidentais, tales como Ensaio sobre a literatura, Exposición poética sobre a literatura ou Rima en prosa sobre a literatura. En castelán, vertiuse como Prosopoema sobre a arte da escrita.

Contidos O Wenfu destaca por ser tanto unha exposición sobre teoría da literatura como unha peza de literatura en si mesma. A obra introduciu novos termos para a análise literaria, que continuarían a ser influentes durante séculos. O Wenfu é unha composición rimada mais, ao empregar patróns irregulares, ten sido traducido como prosopoema ou prosa rimada.

Lu Ji considera cuestións sobre a filosofía da mente e a súa base cosmolóxica, inspirado en fontes neodaoístas (por exemplo, o filósofo Wang Bi). A súa perspectiva considera ao poeta como unha entidade que viaxa polo microcosmos do seu propio espírito. Estas teses filosóficas preséntanse en forma de equiparacións de termos considerados en equilibrio, á maneira propia do fu, que adoita empregar catálogos ou listaxes de elementos. Por exemplo, Lu equipara o que o poeta aprende pensando co que aprende dos libros. Estas identidades amplíanse a diferentes contextos, xogando con afirmacións e negacións para evitar tomar partido por unha soa perspectiva.

Influencia O Wenfu inspirou a multitude de poetas modernos, coma Ezra Pound, Gary Snyder, Howard Nemirov, Eleanor Wilner ou Carolyn Kizer, entre outros.

Traducións En castelán Wen fu: Prosopoema del arte de la escritura (2010). Tradución directa ao castelán de Pilar González España.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Wen fu (La literatura china traducida en España) Wenfu - Texto completo en chinés clásico (Chinese Text Project)

Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Literatura da China