Volker Ippig, nado en Lensahn (Schleswig-Holstein) o 28 de xaneiro de 1963, é un exfutbolista alemán que xogou como gardameta. Ippig xogou durante a súa traxectoria futbolística co TSV Lensahn e co FC St. Pauli, e competiu na Bundesliga como membro deste último. É tamén coñecido polas súas ideas políticas e activismo. Formou parte do movemento okupa en Hafenstraße e de proxectos comunitarios coa Fronte Sandinista de Liberación Nacional en Nicaragua e foi alcumado «o punk da portería» do St. Pauli.
Traxectoria Ippig iniciou a súa andaina deportiva con 18 anos no TSV Lensahn antes de unirse en 1981 ao FC St. Pauli. Ese mes de setembro debutou co filial do club. No primeiro equipo estreouse contra o TSV Plön nun partido amigábel en que marcou un gol. Deixou o club durante a tempada 1983–1984 e traballou nunha escola para nenas e nenos con discapacidade en Lensahn. Posteriormente mudouse a Nicaragua onde axudou a construír un centro de saúde coa Fronte Sandinista de Liberación Nacional na localidade de San Miguelito. Regresou a Alemaña en 1985 e adestrado co FC St. Pauli, mais xogou a tempada 1985–1986 co TSV Lensahn, que ascendera á Landesliga.
A tempada seguinte volveu xogar co FC St. Pauli e compaxinou a súa vida en Lensahn (nunha cabana construída por el mesmo) coa de okupa en Hafenstraße. O movemento okupa desa área, asociado aos seareiros do club, converteuno nunha icona e alcumouno "o punk da portería". O FC St. Pauli acabou terceiro na tempada 1986–1987 da segunda división da Bundesliga, e ascendeu á primeira na tempada seguinte. Fixo 65 intervencións en tres tempadas da Bundesliga antes do descenso do club ao final da tempada 1990–1991. Ippig deixou o FC St. Pauli en 1992 debido a unha lesión nas cervicais e xogou co TSV Lensahn en 1992 como centrocampista.
Despois do fútbol Tras retirarse, Ippig formouse en fisioterapia antes de traballar como adestrador de gardamentas no FC St. Pauli, VfR Neumünster, VfB Lübeck e VfL Wolfsburg. En 2008 converteuse no adestrador do TSV Lensahn. Máis adiante traballou como operario no peirao de Hamburgo, ao tempo que dirixía unha escola ambulante de gardametas.
Vida privada O seu irmán Christian é o adestrador do primeiro equipo do TSV Lensahn, así como o director deportivo do club. A súa filla Emma xogou no SG GLR Ostholstein.
Notas
Categoría:Xogadores do FC St. Pauli Categoría:Nados en 1963 Categoría:Futbolistas de Alemaña Categoría:Nados en Schleswig-Holstein