Henri Paul Gaston Maspero, nado o 15 de decembro de 1883 en París e finado o 17 de marzo de 1945 no campo de concentración de Buchenwald, foi un sinólogo francés coñecido polos seus estudos pioneiros sobre o daoísmo.
Traxectoria Henri Maspero naceu o 15 de decembro de 1883 en París. O seu pai, Gaston Maspero, foi un famoso exiptólogo francés de ascendencia italiana. Os Maspero eran xudeus. Tras estudar Historia e Literatura, en 1905 uniuse ao seu pai en Exipto. Posteriormente, publicou o seu estudo Les Finances de l'Egypte sous les Lagides. En 1907, regresou a París para estudar chinés con Édouard Chavannes, así como Dereito no Institut national des langues et civilisations orientales (INALCO). Ao ano seguinte visitou Hanoi, estudando na École française d'Extrême-Orient.
En 1918 ocupou a cátedra de Chinés do Collège de France, en substitución de Chavannes. En 1927, publicou a súa monumental La Chine Antique. Durante os seguintes anos, tomou a cátedra de Civilización Chinesa da Sorbona (anteriormente ocupada por Marcel Granet), dirixiu o departamento de Relixións Chinesas na École pratique des hautes études, e foi elixido membro da Académie des inscriptions et belles-lettres.
O 26 de xullo de 1944, Maspero e mais a súa muller, que vivían na París ocupada polos nazis, foron arrestados pola participación do seu fillo na resistencia francesa. Maspero foi enviado ao campo de concentración de Buchenwald, onde morreu o 15 de marzo de 1945, aos 61 anos, só tres semanas antes da liberación do campo polas forzas estadounidenses.
Traducións En castelán
El taoísmo y las religiones chinas (2000). Tradución de Pilar González España e Rosa María López. Trotta.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres Categoría:Profesores do Collège de France Categoría:Finados en 1945 Categoría:Nados en 1883 Categoría:Asasinados polo réxime nazi