Vicente Esquerdo Santas, nado en Calp o 2 de xaneiro de 1999, é un futbolista español que xoga como centrocampista na Ponferradina da Primeira División RFEF.

Traxectoria

Comezos Comezou a xogar ao fútbol no Ciudad de Benidorm, pasando máis tarde ao equipo xuvenil do Valencia. Na tempada 2018/19 foi subido ao Valencia Mestalla, da Segunda División B, onde tivo como adestrador a Miguel Grau. Debutou o 25 de agosto de 2018, substituíndo a Sito Pascual nunha vitoria por 2-0 ante o Ebro. O 24 de novembro do mesmo ano marcou o seu primeiro gol co equipo nun empate a dous goles diante do Conquense . Pechou a campaña cun total de 28 partidos co filial valenciano e 4 co xuvenil dirixido por Mista na Liga Xuvenil da UEFA.

Na tempada 2019/20 consolidouse como titular indiscutible no Valencia Mestalla, xa con Chema Sanz como técnico. En novembro comezou a ser convocado para o primeiro equipo por Albert Celades, quen xa o coñecía por telo adestrado nas categorías inferiores da selección española.

Debut en Primeira División O 30 de novembro de 2019 debutou co primeiro equipo do Valencia na Primeira División, substituíndo a Coquelin nunha vitoria por 2-1 no derbi contra o Vilarreal en Mestalla.

Con contrato ata o 30 de xuño de 2022, confirmouse que alternaría o filial co primeiro equipo para a tempada 2020/21, ás ordes de Javi Gracia. Foi titular nas dúas primeiras xornadas de liga ante Levante e Celta de Vigo, facendo parella no medio do campo con Kondogbia, e o club renovou o seu contrato ata 2024.

Sumou un total de 7 partidos co primeiro equipo durante a tempada e outros 11 co Valencia Mestalla de Óscar Fernández, co que non puido evitar o descenso a Terceira RFEF.

Cesión ao Castellón De cara á campaña 2021/22, foi cedido ao Castellón, da nova Primeira División RFEF. Participou nun total de 22 partidos co equipo dirixido por Sergi Escobar, que rematou na metade da táboa, lonxe do obxectivo do ascenso.

Regreso ao Valencia Mestalla Na tempada 2022/23 volveu á disciplina valencianista para reforzar o Valencia Mestalla de Miguel Ángel Angulo na súa nova andaina pola Segunda División RFEF. Apenas tivo participación na primeira metade do campionato, pero foi titular en todos os partidos da segunda volta e contribuíu con tres goles á clasificación do equipo para a promoción de ascenso.

Arenteiro O 30 de agosto de 2023 rescindiu o seu contrato co Valencia e un mes despois fichou polo Arenteiro, equipo que viña de ascender á Primeira División RFEF, e a onde chegou para suplir a baixa de longa duración de Curro Rivelott. O club galego completou unha destacada tempada, á que Esquerdo contribuíu cun total de 33 encontros, 31 deles como titular.

Ponferradina No verán de 2024 asinou como novo xogador da Ponferradina, seguindo ao seu adestrador no Arenteiro, Javi Rey, que leou con el tamén a Álvaro Ramón e Germán Novoa.

Notas

Categoría:Nados na provincia de Alacant Categoría:Nados en 1999 Categoría:Futbolistas da Comunidade Valenciana Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Valencia CF Mestalla Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do CD Castellón Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17