Shenmo xiaoshuo (chinés tradicional: 神魔小說; chinés simplificado: 神魔小说; pinyin: Shénmó xiǎoshuō; en galego: "novelas de espíritos e demos") é un subxénero chinés de literatura fantástica centrado en historias sobre deidades, inmortais, demos e monstros da mitoloxía chinesa. O termo "shenmo xiaoshuo" foi cuñado a comezos do século XX polo escritor e historiador da literatura Lu Xun (1881-1936). Entre os clásicos do xénero destacan Xiyouji e Fengshen yanyi.
Historia Orixes do xénero O "shenmo xiaoshuo" xorde durante a dinastía Ming (1368-1644) como un subxénero da ficción vernácula, un estilo de escritura baseado na lingua falada e non no chinés clásico. As raíces deste tipo de obras atópanse nos contos populares tradicionais e nas lendas. Os elementos típicos da trama, como o uso da maxia e da alquimia, proceden da mitoloxía e a relixión chinesas, así como do daoísmo e do budismo, moi populares entre os intelectuais de Ming.
O San Sui ping yao zhuan (c. século XIV) é un exemplo temperán do "shenmo xiaoshuo" atribuído a Luo Guanzhong (c. 1330-c. 1400). Nesta historia, o protagonista Wang Ze inicia unha rebelión contra o goberno coa axuda da maxia. O Siyouji (c. século XVI) é outro exemplo do xénero. Consta de catro novelas e foi publicado como unha compilación de relatos populares. Outro texto semellante é o Han Xiangzi quan zhuan (c. século XVII), de inspiración daoísta, que comparte a temática sobrenatural pero posúe un ton relixioso máis marcado.alt=Portada dunha edición contemporánea do Xiyouji|miniatura|Portada dunha edición contemporánea do Xiyouji|298x298pxPorén, os títulos máis coñecidos deste período son o Xiyouji (c. século XVI) e o Fengshen yanyi (c. século XVI). O primeiro deles, en concreto, é considerado pola crítica literaria como a obra mestra do "shenmo xiaoshuo". Atribuído a Wu Cheng'en (c. 1500-1582), a súa versión actual foi publicada por primeira vez en 1592 por Shidetang, unha editorial de Ming. A popularidade do Xiyouji inspirou multitude de imitacións que copiaban momentos clave da trama.
Dinastías Ming e Qing Moitas obras posteriores afastáronse dos elementos puramente fantásticos de novelas como Xiyouji. Malia seguir tratando sobre monstros e divindades, exploraban tamén temas máis humanos. Así, a finais da dinastía Ming e comezos da Qing (1644-1912) emerxeu un subxénero do shenmo xiaoshuo con influencias da comedia.
Nos textos do período Qing, a división entre o real e o fantástico é menos clara. O sobrenatural sitúase fóra dos contextos usuais da fantasía, presentándose como parte dun mundo realista, o que engade trazos grotescos. Esta característica foi asumida polas imitacións paródicas de Xiyouji e outras obras do shenmo xiaoshuo. Por exemplo, no Wuli qunao zhi xiyouji ("Unha ridícula viaxe ao oeste"), de Wu Jianwen, o protagonista, o Xibón dos Brazos Espidos, unha versión humorística de Sun Wukong, axuda ao rei voitre a obter diñeiro dun peixe sen cartos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Fantasía Lu Xun Xiyouji
Categoría:Xéneros cinematográficos Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Literatura da dinastía Ming Categoría:Literatura da dinastía Qing