Carlos García Pardo, nado na Coruña en 1944, é un empresario galego, dedicado principalmente aos negocios deportivos. Foi o artífice do Plan ADO e fundador en 1988 da empresa Dorna Sports, organizadora durante décadas do Campionato do Mundo de Motociclismo.
Traxectoria Nacido na coruñesa rúa de San Andrés, estudou Enxeñaría de Camiños en Madrid e aí comezou a traballar na empresa MZOV. En 1972 formou a súa primeira empresa, no eido inmobiliario, e máis tarde centrou os seus negocios no mundo deportivo. Foi o impulsor do Plan ADO e en 1988 fundou xunto ao seu irmán Manuel e aos tamén coruñeses José Luis Peña e José Ramón Guimarans a empresa Dorna Sports, nun inicio dedicada á representación de futbolistas. Recibiu o seu nome en referencia á embarcación do mesmo nome típica das Rías Baixas.
A primeira fichaxe na que se involucraron foi a de Alemão polo Atlético de Madrid e máis tarde realizaron outras como as de Zubizarreta polo FC Barcelona, Biurrun polo Athletic Club ou Paco Llorente polo Real Madrid. En 1989 Dorna adquiriu os primeiros dereitos de emisión da Primeira e Segunda División de fútbol, adxudicándollos a continuación ás televisións autonómicas.
En 1992 a súa empresa obtivo os dereitos do Campionato do Mundo de Motociclismo e asumiu a súa organización, función que desenvolveu durante as seguintes décadas. Con todo, García Pardo desvencellouse de Dorna en 1996, cando esta foi vendida ao Banco Banesto, daquela dirixido polo tamén galego Mario Conde.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1944 Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes