José María Galante Serrano coñecido como Chato Galante, nado en Madrid o 27 de abril de 1948 e finado o 28 de marzo de 2020, foi un preso político español e activista polos dereitos humanos, a memoria histórica e o medio ambiente.

Biografía José María Galante tivo once irmáns, todos fillos dun militar franquista. Durante a súa mocidade estudou económicas e ciencias políticas, carreira que non finalizou, escollendo Telecomunicacións na Universidade Complutense de Madrid. Vinculouse co Frente de Liberación Popular (FLP) e foi membro do Sindicato Democrático de Estudantes desde 1967.

Tras o asasinato de Enrique Ruano por parte da Brigada Político-Social en 1969, Galante, con 20 anos e militante antifranquista, foi apresado o 5 de outubro de 1969 acusado de actividades subversivas e torturado durante tres días na Dirección Xeral de Seguridade en Porta do Sol de Madrid. Posteriormente, en 1971 formou parte da trotskista Liga Comunista Revolucionaria (LCR), polo que foi detido durante unha concentración estudantil o 24 de febreiro de 1971, mentres estaba activado un estado de excepción, e torturado durante catorce días por Billy el Niño, alias do policía Antonio González Pacheco, tras o cal ingresou no cárcere de Carabanchel acusado de asociación ilícita, propaganda ilegal e insultos ás forzas de orde pública.

En setembro de 1971 ingresou no servizo militar obrigatorio, no batallón de castigo Regimiento Pavía N.º 4, en Aranjuez. (foi un batallón de castigo para persoas con antecedentes policiais vinculadas á política e procesados pola Lei de Vagos e Maleantes, en particular homosexuais) Debido ao seu activismo, foi privado da súa liberdade en dúas ocasións máis, o 10 de marzo de 1972 durante un permiso do cuartel e o 11 de decembro de 1973 nunha cafetaría, sendo trasladado a diversas prisións, maltratado e torturado en todas elas. Gran parte do seu encarceramento ocorreu no cárcere de Segovia, onde pouco antes de cumprir a súa condena tentou, xunto a outros compañeiros, unha fuga. En total pasou ao redor de cinco anos preso entre a súa primeira detención e a amnistía de 1976.

Tras a súa saída de prisión foi candidato por LCR nas eleccións municipais do Concello de Madrid en 1979 e en 1983.

Posteriormente iniciou un activismo pacifista e ecoloxista, sendo parte da Asociación Ecoloxista de Defensa da Natureza (Aedenat) e Ecoloxistas en Acción. En 2008 formou o colectivo de presos políticos no franquismo La Comuna, realizando accións como protestas contra a edificación de vivendas no antigo cárcere de Carabanchel, e recompilando denuncias de torturas sufridas durante a ditadura.

En 2018 participou no documental El silencio de otros, sobre a loita das vítimas da ditadura de Francisco Franco, como parte da Coordinadora da denominada Querela arxentina formada en xaneiro de 2011.

Faleceu o 28 de marzo de 2020 aos 71 anos por mor da enfermidade por coronavirus, sendo lembrado en redes sociais por algúns políticos antifranquistas e da esquerda española.

Filmografía

Televisión

2018: Otra vuelta de tuerka 2018: Preguntes freqüents 2019: La Frontera

Cine

2017: Lesa humanitat 2018: La causa contra Franco 2018: El silencio de otros

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Chato Galante en Internet Movie Database (en inglés).

Entrevista en Otra Vuelta de Tuerka con Pablo Iglesias. La Tuerka (vídeo) Entrevista en La Frontera con Juan Carlos Monedero (vídeo) Biografía de Chato Galante na web de La Comuna José María Galante, Chato: ha muerto un luchador (Ecologistas en Acción)

Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Antifascismo Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Pacifismo Categoría:Ecoloxistas de España Categoría:Comunistas de España Categoría:Finados pola COVID-19 en España Categoría:Activistas polos dereitos humanos de España