A familia da ribonuclease pancreática é unha familia (ou superfamilia) de endonucleases específicas da pirimidina atopadas en gran cantidade no páncreas de certos mamíferos e dalgúns réptiles.
Estes encimas interveñen no corte endonucleolítico de 3'-fosfomononucleótidos e 3'-fosfooligonucleótidos que acaban en C-P ou U-P con intermediarios 2',3'-fosfato cíclico. A ribonuclease pode desenrolar a hélice do ARN acomplexándose cun ARN monocatenario; o complexo orixínase por unha interacción multisitio catión-anión estendida entre residuos de lisina e arxinina do encima e grupos fosfato dos nucleótidos.
Membros notables da familia A ribonuclease pancreática bovina é o membro mellor estudado da familia e serviu como sistema modelo en investigacións sobre o pregamento de proteínas, formación de pontes disulfuro, cristalografía de proteínas e espectroscopia, e dinámica de proteínas. O xenoma humano contén 8 xenes que comparten estrutura e función coa ribonuclease pancreática bovina, con 5 pseudoxenes adicionais. A estrutura e dinámica destes encimas están relacionadas coas súas diversas funcións biolóxicas.
Outras proteínas que pertencen á superfamilia da ribonuclease pancreática son: ribonucleases cerebrais e da vesicula seminal bovinas; ribonucleases non secretoras renais; ribonucleases de tipo hepático; anxioxenina, que induce a vascularización de tecidos normais e malignos; proteína catiónica do eosinófilo, unha citotoxina e helmintotoxina con actividade de ribonuclease; e a ribonuclease hepática de ra e a lectina que se une a ácido siálico de ra. A secuencia das ribonucleases pancreáticas contén catro pontes disulfuro conservadas e tres residuos de aminoácidos implicados na actividade catalítica.
Xenes humanos Os xenes humanos que codifican proteínas que conteñen o dominio da ribonuclease pancreática son: ANG, RNASE1, RNASE10, RNASE12, RNASE2, RNASE3, RNASE4, RNASE6, RNASE7 e RNASE8.
Citotoxicidade
Algúns membros da familia da ribonuclease pancreática teñen efectos citotóxicos. As células de mamíferos están protexidas destes efectos debido á súa afinidade extremadamente alta polo inhibidor da ribonuclease, o cal protexe o ARN celular da degradación polas ribonucleases pancreáticas. As ribonucleases pancreáticas que non son inhibidas polo inhibidor da ribonuclease son aproximadamente tan tóxicas coma a alfa-sarcina, a toxina ditérica ou a ricina.
Dúas ribonucleases pancreáticas illadas dos ovocitos da ra Lithobates pipiens (anfinase e ranpirnase) non son inhibidas polo inhibidor da ribonuclease e mostran citotoxicidade diferencial contra células tumorais. A ranpirnase foi estudada nun ensaio clínico en fase III como candidata para o tratamento do mesotelioma, pero o ensaio non demostrou unha efectividade estatisticamente significativa.
Notas
Categoría:Ribonucleases Categoría:Dominios proteicos