Aleksei Borisovich Lobanov-Rostovskii (), nado o 30 de decembro de 1824 en Alekseevskii no oblast’ de Voronezh e finado o 30 de agosto de 1896 en Shepetivka, foi un aristócrata, diplomático e político ruso, coñecido por concluír o Tratado Li-Lobanov coa China, a Paz de Constantinopla co Imperio Otomán e pola obra xenealóxica Russkaja rodoslovnaja kniga.
Traxectoria miniatura|esquerda|Escudo de armas dos Lobanov-Rostovskii Membro da casa de Lobanov-Rostovskii, unha póla da de Rúrik. Seu pai era o kniaz Boris Alexandrovich Lobanov-Rostovskii (1795—1863) que tras unha curta carreira militar exercía, no momento da nacenza de Aleksei, de xefe electo da nobreza de Voronezh e súa nai era Olimpias Mikhailovna Borodina (1800-1874). Estudou no Liceo Tsarskoye Selo, o liceo imperial preto de San Petersburgo, onde ían os fillos das grandes familias aristocráticas rusas e graduouse en 1844. Aos vinte anos entrou no servizo diplomático, o seu primeiro destino importante foi de secretación na embaixada de París (1847-1850) e logo destinárono á embaixada en Berlín, primeiro como segundo secretario (1850-1851) para despois pasar a primeiro secretario (1851-1856). En 1856 nun novo destino marchou á legación en Constantinopla, primeiro como conselleiro (1856-1858), logo encargado de negocios (1858-1859) e finalmente enviado extraordinario e ministro plenipotenciario (1859-1863). En marzo de 1863 deixou o posto por circunstancias persoais fixo que se retirase temporalmente do servizo público, e logo pasou ao servizo do ministerio do interior, foi gobernador de Oriol entre 1866 e 1867 e asistente do ministro do interior de 1867 ata 1878. Tamén foi senador dende abril de 1867 e secretario de Estado e 1870.
Ao remate da guerra ruso-turca en 1878 volveu ao servizo diplomático e Alexandre II designouno como embaixador en Constantinopla, e durante máis dun ano unha política que pretendía restablecer a tranquilidade no país na coñecida como Cuestión oriental logo das accións paneslavistas do seu antecesor, o conde Ignatiev. En 1879 recibiu credenciais en Londres e en 1882 en Viena e alí permaneceu ata xaneiro de 1895 ao recibir o nomeamento como embaixador en Berlín, mais non tivo tempo de ocupar o posto, pois en marzo dese ano Nicolao II designouno novo ministro de Asuntos Exteriores en substitución de Nikolai Girs.
Ministro de Asuntos Exteriores Nesta posición mostrou moita da cautela do seu predecesor, pero adoptou unha política máis enérxica nos asuntos europeos, co apoio firme á alianza ruso-eslava que realizara o seu antecesor, e procurou manter as mellores relacións con Alemaña e Austria-Hungría. Nos Balcáns no momento do seu nomeamento, a actitude do goberno ruso coas nacionalidades eslavas fora durante varios anos de extrema reserva, e parecía que como embaixador simpatizaba con esta actitude. Pero tan pronto como chegou á cabeza do ministerio de Asuntos Exteriores a influencia rusa na península balcánica reviviu de súpeto. Serbia recibiu axuda financeira; mandouse abertamente un grande envío de armas dende San Petersburgo ao príncipe de Montenegro. O príncipe Fernando de Bulgaria reconciliouse co emperador ruso, e a igrexa Igrexa Ortodoxa Oriental recibiu a seu fillo Boris no seu seo; a embaixada rusa en Constantinopla intentou lograr unha reconciliación entre o exarca búlgaro eo patriarca ecuménico. Búlgaros e serbios manifestaron, por instigación de Rusia, deixar de lado a súa hostilidade mutua.
Todo isto parecía presaxiar a creación dunha confederación balcánica hostil ao Imperio Otomán, e o sultán Abdul Hamid II tiña motivos para sentirse alarmado. En realidade, o príncipe Lobanov só intentaba establecer unha forte hexemonía rusa entre estas nacionalidades, e non tiña a menor intención de provocar unha nova crise na cuestión oriental mentres a situación xeral europea non ofrecera a Rusia unha oportunidade conveniente para resolvelo no seu propio interese sen intervención seria doutros poderes. Mentres tanto, consideraba que a integridade e a independencia do Imperio Otomán deben manterse no que a estes outros poderes se refire. Ao mesmo tempo fixéronse esforzos para debilitar a Tripla Alianza, e o principal instrumento empregado foi a entente con Francia, que o príncipe Lobanov axudou a converter nunha alianza formal entre as dúas grandes potencias.
No leste de Asia non foi menos activo e converteuse no protector da China no mesmo sentido en que se amosara protector do Imperio Otomán. O 3 de xuño de 1896 asinou un tratado secreto coa China, coñecido como Tratado Li–Lobanov, no que Rusia prometía defender a integridade territorial chinesa fronte ao Xapón, e a China permitía o uso de portos chineses aos navíos de guerra ruso e á concesión para construír un ferrocarril de largo ruso de Heilongjiang e Jilin a Vladivostok. Ademais os funcionarios e a policía tiñan xurisdición extraterritorial en boa parte do Nordés da China e o permiso de estacionar tropas para protexer o ferrocarril. Uns días despois, o 9 de xuño, asinou o Acordo Yamagata-Lobanov, polo que o Xapón renunciou ás súas conquistas no nordés da China, para non interferir coas futuras accións de San Petersburgo en Manchuria e garantía a independencia de Corea por medio dun, na práctica, coprotectorado de Rusia e o Xapón, que preservaba así Corea como un Estado tapón entre o Xapón e os intereses Rusos en Manchuria. Cando só levaba dezaoito meses como director da política rusa morreu de súpeto dunha enfermidade cardíaca cando viaxaba en tren co tsar o 30 de agosto de 1896.
Actividade cultural miniatura|esquerda|Retrato da gran duquesa Catarina Alexeevna de G. C. Grooth (ca. 1744). Logo da morte de Aleksei Lobanov-Rostovskii a súa colección de retratos pasou ao Museo Imperial (dende 1917 Museo Estatal Ruso) Persoalmente, o príncipe Lobanov-Rostovskiy era un gran aristócrata ruso, descendente dos príncipes independentes de Rostov, e ao mesmo tempo un home de ampla cultura, profundamente versado na historia e xenealoxía rusa, bibliógrafo impenitente era membro da Société des Bibliophiles français e tiña unha ampla colección de libros, arredor de 8 000 volumes, autógrafos e materiais rusos, principalmente dende o século XVIII, entre elas unha colección de cartas auténticas do príncipe Alexander Bezborodko ao conde Nikita Panin e amplo material do reinado do tsar Paulo I (1754–1801), sobre o que compilou un extenso estudo que non publicou e quizais a primeira autoridade do seu tempo en todo o relacionado co seu reinado.
Durante os anos que traballo no ministerio do interior recibiu o arquivo do príncipe Piotr Dolgorukov, reputado xenealoxista, para o seu uso exclusivo que utilizou canda anécdotas históricas e outros documentos non publicados de Pavel Karabanov en artigos que publicou en Russkaia Starina, revista dedicada á historia. A colección de Dolgorukov contiña listas de 247 familias nobres que Lobanov emmpregou como base do seu Russkaja rodoslovnaja kniga que publicou sen asinar en tres volumes como anexo da Russkaia Starina en 1873, 1875 e 1878 e que viu unha segunda edición revisada e ampliada en 1895.
Membro da Sociedade Histórica Imperial Rusa dende 1870, xa en 1875 lanzou a idea de lanzar un dicionario biográfico ruso que se concretaría en 1896 coa publicación do primeiro volume do Russkii biografichesckii slovar.
Interesado pola gastronomía, escribiu a obra Tablettes gastronomiques de Saint-Pétersbourg, rédigées par un amateur, et précédées d’une liste des ouvrages à consulter que publicou en dous tomos en 1856 e 1858 para galano nunha tiraxe reducida. miniatura|Palacio de Aleksei Lobanov-Rovstovskii que data na súa estrutura actual de 1875 Posuía unha súa extensa colección de moedas, nas que salientaban as acuñadas polos rusos durante a súa ocupación de Königsberg entre 1758 e 1761, posteriormente adquiridas polo Museo Ruso. Tamén coleccionaba retratos, e entre eles salientaban dúas versións da obra de Louis Caravaque A nena tsesarevna Isabel Petrovna coma deusa olímpica.
Entre as propiedades de Lobanov-Rostovskii estaba unha casa á beira do río Moika en San Petersburgo. En 1851 houbo un primeiro intento de edificar no terreo un palacio de dous andares, pero non se realizou. En 1868 reconstruíuse parcialmente o edificio e en 1875 houbo unha reconstrución total e levantouse un terceiro andar. Dende abril de 1971 é o consulado xeral do Xapón en San Petersburgo.
Notas
Categoría:Numismáticos de Rusia Categoría:Finados en 1896 Categoría:Nados en 1824 Categoría:Nobres de Rusia Categoría:Xenealoxistas Categoría:Ministros de Rusia Categoría:Embaixadores de Rusia Categoría:Bibliógrafos Categoría:Nados no óblast de Voronezh