Ingrid Daubechies, nada en Houthalen o 17 de agosto de 1954, é unha matemática e física belga. Realizou importantes achegas no campo das ondículas en imaxes. En 2020 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica. En 2023 concedéronlle o Premio Wolf en Matemáticas, sendo a primeira muller en recibilo.
Traxectoria Daubechies naceu en Houthalesn, filla de Simonne Duran (criminóloga) e de Marcel Daubechies (enxeñeiro civil e de minas).Diamant voor Simonne en Marcel in nieuwsblad.be Lembra que cando era nena e non podía durmir non contaba números coma outros nenos, senón que multiplicaba números por 2. Deste xeito familiarizouse coas propiedades do crecemento exponencial. Os seus pais descubriron que conceptos matemáticos como cono e tetraedro, eran familiares para ela antes dos seis anos. Destacou na escola primaria e subírona un curso despois de só tres meses. Tras completar o Lyceum en Hasselt,Daubechies, citada en Flanders Today #15, outubro de 2014, dispoñíbel aquí. Consultado o 19 de agosto de 2017. entrou na Vrije Universiteit Brussel con dezasete anos.
Na mesma universidade doutorouse en física teórica en 1980 e estivo a investigar ata 1987. Ese ano trasladouse aos Estados Unidos co seu marido, o tamén matemático Robert Calderbank, co que acababa de casar. Daubechies traballou nos Laboratorios Bell de Nova Jersey e en varias universidades estadounidenses. En 1993 converteuse en profesora de matemática computacional na Universidade de Princeton ata 2011, cando pasou á Universidade Duke como catedrática de matemáticas.
Daubechies traballou no campo das ondículas, ferramentas que permiten a análise de sinais para entregar información temporal e frecuencial de xeito case simultáneo. En 1988, Daubechies propuxo a ondícula ortogonal con soporte compacto (coñecida como ondícula Daubechies), e en 1992 a ondícula biortogonal, tamén coñecida como ondícula CDF (Cohen-Daubechies-Feauveau), empregada para o formato de compresión de imaxes JPEG 2000. Estas ferramentas matemáticas permiten o avance e a investigación tanto en matemática teórica como aplicada, pois serve na demostración de teoremas e tamén no desenvolvemento das telecomunicacións, tanto en son como en vídeo, e mesmo no ámbito biosanitario, con transmisión de datos de imaxes sanitarias.
Recoñecementos Daubechies é membro de numerosas institucións. Foi a primeira muller matemática que presidiu a Unión Matemática Internacional. En 1993 ingresou na Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias, en 1998 na Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos e en 2012 na Sociedade Estadounidense de Matemática. Ademais, foi convidada a participar en numerosas ocasións no Congreso Internacional de Matemáticas. Tamén recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nemmers en Matemáticas de 2012 e o Premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento en Ciencias Básicas 2012 xunto a David Mumford. En 2020 foi recoñecida, xunto a Emmanuel Candès, Yves Meyer e Terence Tao, co Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica por «realizar contibucións pioneiras e transcendentais ás teorías e técnicas modernas do procesamento matemático de datos e sinais».
En 2023 recibiu o Premio Wolf en Matemáticas, polas súas investigacións sobre ondículas e análise harmónica aplicada. Daubechies foi a primeira muller que recibiu este recoñecemento.
En 2012, o rei Alberte II de Bélxica concedeulle o título de baronesa en recoñecemento da súa traxectoria profesional.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina personal Daubechies en awm-math.org Real Sociedade Matemática Española
Categoría:Nados na provincia de Limburgo Categoría:Nados en 1954 Categoría:Matemáticos de Bélxica Categoría:Físicos de Bélxica Categoría:Premios Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica