Joseph Kevin Barry Casey, nado o 31 de xaneiro de 1977 en Detroit, é un músico estadounidense famoso por ser o principal vocalista e letrista da banda de post-punk Protomartyr. Casey é coñecido por un distintivo estilo vocal, unha presenza no escenario "anti-carismática", e letras sardónicas e literarias que adoitan incorporar temas filosóficos. Tamén é o encargado de crear a estética visual da banda.
Biografía
Primeiros anos Casey naceu nunha familia católica irlandesa-estadounidense e é o menor de tres irmáns. Medrou en 6 Mile, na parte noroeste de Detroir, que lembra como un "recanto idílico" da cidade cando era neno; a súa causa describíuna como "a última [...] nunha rúa sen saída, rodeada dunha escola, unha igrexa e un mosteiro". Porén, cando era un adolescente, a súa rúa tornouse propensa a tiroteos e coiteladas frecuentes, incluíndo un no céspede do seu veciño do lado cando tiña só 12 anos. O seu pai, un inspector de construción do Departamento de auga e sumidoiros de Detroit, era un afeccionado á historia, que á súa vez fomentou o seu interese polo campo máis tarde. De natureza solitaria e afeccionado aos videoxogos, recorda ser un ávido lector cando era neno, tratándoo como "unha competición [...] para ver quen [entre os seus irmáns] podía ler máis".
Asistiu á University of Detroit Jesuit High School and Academy e recorda ser un bo estudante, aínda que describe o seu rendemento académico na universidade (Universidade de Míchigan) como "bastante malo". Recorda que intentou aprender a tocar a frauta na escola primaria, e cualificou o intento de "fracaso pola súa parte". Os seus amigos da escola incluían a moitos futuros músicos, incluídos os membros da banda de garage punk Tyvek (a quen acompañaría nalgunhas das súas xiras e citaría como unha influencia na música de Protomartyr). Porén, mentres que moitos deles marcharon a lugares como Nova York, Os Ánxeles ou Chicago, o propio Casey optou por quedarse en Detroit e traballou en varios traballos raros despois da escola de cine, un período durante o cal "bebeu, [e] deprimiuse". Un deles foi o traballo de porteiro no Gem Theatre, onde coñeceu e achegouse ao guitarrista Greg Ahee, que tocaba entón nunha banda de "punk cáustico" chamada Butt Babies co baixista Scott Davidson e o batería Alex Leonard (neto de Elmore Leonard).
En marzo de 2008, cando estaba de viaxe a Texas con Tyvek, o seu pai de 72 anos morreu debido a complicacións durante unha operación de hernia rutineira. A súa morte actuou como unha "chamada de atención" para Casey e, posteriormente, tería un grande impacto no seu lirismo. El e Butt Babies comezaron a tocar xuntos en 2010, adoptando pronto o nome de "Protomartyr", facendo referencia a Santo Estevo, o primeiro mártir cristián. Kevin Boyer de Tyvek tocou brevemente o baixo e máis tarde a segunda guitarra para a banda durante os seus primeiros días, antes de ter que marchar debido a un pesado horario de traballo. Coa excepción de Kelley Deal, que se uniu á banda como membro de xira en 2020, Protomartyr permaneceu principalmente como cuarteto desde entón ata a chegada de Kelley Deal en 2020.
Carreira Dende 2010 Protomartyr publicou 6 álbums de estudio e outros traballos e todas as súas cancións teñen a Casey como vocalista. Tamén é o único responsable do lirismo da banda en toda a súa produción de estudio, sendo a única excepción a versión do tema de Preoccupations "Forbidden" (lanzado nun sinxelo compartido con Preoccupations versionando o tema "Pontiac 87" como cara b).
Todos os traballos de Protomartyr, incluído o seu EP de 2018 Consolation, recibiron unha ampla aclamación da crítica. No sitio web do agregador de críticas Metacritic, a discografía da banda (excluíndo o seu debut e incluíndo o EP Consolation) ten unha puntuación media de 83/100. The Agent Intellect e Relatives in Descent incluso conseguiron chegar ao top 5 da lista Top Heatseekers da Billboard, e cancións deses dous álbums apareceron en programas de televisión como 13 Reasons Why, The Rain e The OA. A banda fixo numerosas xiras por todo o mundo e actuou en múltiples festivais destacados como SXSW, CMJ Music Marathon e Pitchfork Music Festival.
Casey tamén actuou como convidado en moitos outros discos. Entre outros, fixo coros no álbum de Tyvek de 2012 On Triple Beams (xunto a Greg Ahee), cantou nos temas "Rope" e "Slang Words" dos álbums de The Gotobeds Blood Sugar Secs Traffic e Debt Begins At 30, e foi acriditado como compositor do tema "Why'd You?" dese último álbum.
Vida persoal Segundo unha entrevista realizada en 2020, nese ano Casey aínda vivía na casa familiar en 6 Mile Road.Fitzmaurice, Larry. "Protomartyr's Joe Casey on Drinking, Feeling Sick, and What Could Disappear". Last Donut of the Night. Orixinalmente vivía alí coa súa nai, ata que el e os seus irmáns decidiron trasladala aos arredores debido ao empeoramento da súa enfermidade de Alzheimer en 2014. A súa doenza foi a inspiración para a letra da canción "Why Does It Shake?". A nai de Casey faleceu en 2021. Casey comprometeuse ao ano seguinte, e casou en Detroit o 20 de maio de 2023.
Casey é un "amante do cine", e entre os seus videoxogos favoritos están NFL Blitz e Red Dead Redemption 2. É tamén un fan dos Detroit Tigers de toda a vida.
Notas
Categoría:Nados en Detroit Categoría:Nados en 1977 Categoría:Vocalistas