Victor Matfield, nado en Pietersburg o 11 de maio de 1977, é un ex xogador de rugby de Suráfrica. Cunha estatura de 2,00 metros xogaba na posición de segunda liña, na que tivo como parella recorrente a Bakkies Botha tanto en club como en selección. A meirande parte da súa carreira deportiva a nivel de clubs tivo lugar nos Bulls, a franquía de Pretoria coa que acadou tres campionatos do Super Rugby en 2007, 2009 e 2010. Como xogador da selección de rugby de Suráfrica gañou dúas veces o Tri Nations en 2004 e 2009 e saíu campión na Copa do Mundo de Rugby 2007. En 2014 converteuse no xogador con máis partidos internacionais da súa selección, até que en 2024 foi superado por Eben Etzebeth.
Victor Matfield está considerado un dos mellores xogadores da historia do rugby na posición de segunda liña. Estivo entre os finalistas do premio Xogador do Ano de World Rugby en 2005 e 2010, e tamén entre os finalistas do premio Xogador do Ano de SA Rugby en 2001, 2005, 2006, 2007 e 2009. Foi capitán dos Springboks en 23 dos 127 encontros que xogou.
Equipos 1999-2000: Lions 2001-2007: Bulls 2007-2008: Toulon 2008-2011: Bulls 2012-2013: Inactivo 2014-2015: Bulls 2015-2016: Northampton
Véxase tamén Ligazóns externas Victor Matfield en Springbok Rugby History Victor Matfield en Itsrugby
Categoría:Xogadores de rugby de Suráfrica Categoría:Nados en 1977