Unha arquitecta ou un arquitecto é unha persoa que planifica, proxecta e supervisa a construción de edificios. Practicar a arquitectura implica prestar servizos relacionados co deseño de edificios e o espazo dentro do recinto que rodea os edificios que teñen como finalidade principal a ocupación ou o uso humano. Etimoloxicamente, o termo arquitecto deriva do latín architectus, que deriva do grego (ἀρχι arkhi, xefe + τέκτων téktōn, construtor), é dicir, xefe de obras.

Os requisitos profesionais dos arquitectos varían dun lugar a outro. As decisións dun arquitecto afectan a seguridade pública e, polo tanto, o arquitecto debe someterse a unha formación especializada consistente en estudos avanzados e a experiencia práctica para obter unha licenza para exercer a profesión.

Orixe Ao longo da historia antiga e medieval, a maioría dos deseños e construcións arquitectónicas foron realizados por artesáns, como canteiros e carpinteiros, que ascenderon ao papel de mestres de obras. Ata os tempos modernos, non había unha distinción clara entre arquitecto e enxeñeiro. En Europa, os títulos de arquitecto e enxeñeiro eran principalmente variacións xeográficas que se referían á mesma persoa, moitas veces usadas indistintamente.

Suxírese que varios desenvolvementos en tecnoloxía e matemáticas permitiron o desenvolvemento do arquitecto profesional, separado do artesán práctico. O papel non se empregou en Europa para debuxar ata o século XV, mais despois de 1500 cada vez estaba máis dispoñible. Os lapis usáronse para debuxar contra 1600. A dispoñibilidade de papel e lapis permitiu que os profesionais fixesen debuxos previos á construción. Ao mesmo tempo, a introdución da perspectiva linear e innovacións como o uso de diferentes proxeccións para describir un edificio tridimensional en dúas dimensións, xunto cunha maior comprensión da precisión dimensional, axudaron os deseñadores de edificios a expresar as súas ideas. Non obstante, o desenvolvemento foi gradual e lento. Ata o século XVIII, os edificios continuaron sendo deseñados e montados por artesáns, con excepción dos proxectos de alto status.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Gran diccionario de arquitectos El Poder de la Palabra

Categoría:Arquitectos