Mushin Hendricks, nado na Cidade do Cabo en xuño de 1967 e finado en Bethelsdorp o 15 de febreiro de 2025, foi un imán, erudito islámico e activista LGBT surafricano. Estivo involucrado en diversos movementos en favor das persoas musulmás do colectivo LGBT, defendendo unha maior aceptación das mesmas dentro do islam. Foi o primeiro imán abertamente homosexual do mundo tras saír do armario en 1996. Hendricks foi asasinado nun tiroteo a comezos de 2025, no que podería tratarse dun crime de odio.
Traxectoria Hendricks naceu na Cidade do Cabo en xuño de 1967, no seo dunha familia musulmá tradicional. O seu avó foi un clérigo musulmán. Hendricks licenciouse pola Universidade de Estudos Islámicos de Paquistán. Segundo o propio Hendricks, os seus antepasados "procedían tanto de Indonesia como da India, e foron levados a Cidade do Cabo como prisioneiros políticos e escravos polos colonos holandeses".
Hendricks casou cunha muller en 1991, coa que tivo varios fillos até o seu divorcio en 1996; nese mesmo ano, saíu do armario. Posteriormente, viviu nun celeiro durante tres meses, permanecendo en xaxún e meditando sobre a súa fe seguindo a fórmula do Salat al-Istikharah. Cando saíu do armario, Hendricks estaba a traballar como imán, ensinando nunha mesquita e nunha madrasa próxima, de onde foi despedido pola súa orientación sexual. Malia o apoio do seu pai, a súa nai rexeitouno inicialmente. Porén, ambos reconciliáronse e mantiveron unha boa relación até a morte dela.
En 1996, Hendricks fundou o Inner Circle, unha rede de apoio e axuda para musulmáns LGBT na procura de reconciliar as súas crenzas e tradicións co seu modo de vida. Unha das razóns para a súa creación era foi a exclusión dos musulmáns LGBT das pregarias do venres. A partir de 1998, Hendricks comezou a impartir oracións, consello e cerimonias de matrimonio a persoas LGBT. O Inner Circle mudou máis tarde o seu nome a Fundación Al-Fitrah.
Segundo a interpretación de Hendricks, e contra a tradición imperante no islam, non existe unha condena da homosexualidade no Corán. El lía a historia de Sodoma e Gomorra como unha repulsa da violación, non da homosexualidade. O Consello Xurídico Musulmán condenou a Hendricks en 2007, emitindo tamén unha fatwa contra todas as persoas gays. Esta postura, que conta co apoio da meirande parte das organizacións musulmás de Suráfrica, foi criticada por non recoñecer a diversidade sexual e de xénero das sociedades musulmás precoloniais.
En 2011, fundou Masjidul Ghurbaah, unha mesquita pertencente á Fundación Al-Ghurbaah. En 2019, viaxou a Kenya para promover os dereitos do colectivo LGBT. En 2022, iniciou unha serie de cursos para persoas de diversas relixións dentro da Global Interfaith Network.
Durante a pandemia de Covid-19, comezou a subir vídeos na plataforma TikTok con mensaxes positivos sobre o amor. Contra o 2022, creou vídeos sobre as persoas musulmás LGBT en hindi e urdú.
Hendricks apareceu no documental A Jihad for Love (2007); en 2022, estreouse un documental alemán sobre a súa figura, The Radical.
Hendricks foi tiroteado o 15 de febreiro de 2025 na localidade de Bethelsdorp (Suráfrica) tras oficiar unha voda entre mulleres lesbianas. Faleceu a causa das feridas. A data de 16 de febreiro de 2025, a motivación do asasinato e a identidade dos perpetradores aínda está a ser investigada. A Asociación Internacional de Lesbianas, Gays, Bisexuais, Trans e Intersexuais (ILGA) condenou o acto e solicitou que se considerase un potencial crime de odio.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Surafricanos de ascendencia india Categoría:Activistas LGBT de Suráfrica Categoría:Finados en 2025 Categoría:Nados en 1967 Categoría:Asasinados