A praza do Berbés, oficialmente coñecida coma rúa da Ribeira do Berbés, é unha praza peonil situada na ribeira da cidade galega de Vigo, na parroquia do Berbés.

O aspecto actual da praza, cun enlousado peonil e un aparcadoiro subterráneo, foi froito dunha remodelación nos anos 90 baixo o proxecto Abrir Vigo ao mar.

Historia esquerda|miniatura|Ribeira ou enseada de San Francisco, areal onde se construíu a rúa da Ribeira do Berbés. A praza do Berbés está localizada no histórico barrio homónimo, un dos primeiros asentamentos da cidade na Idade Media, onde existen documentos que recollen a denominación de San Xián. Inicialmente estaba situado na ribeira da ría de Vigo, sobre un areal. Contaba cun pequeno porto ou peirao, e as edificacións constituían pequenas casas de mariñeiros dunha ou dúas alturas, con soportais baixo os cales habitualmente se desenvolvían actividades mariñeiras, tales como a venda de peixe e marisco ou o traballo de redeiros.

Coa construción da muralla de Vigo en 1656, unha fortificación defensiva que arrodeou a zona antiga da cidade para facer fronte ás invasións marítimas e terrestres, o barrio do Berbés quedou extramuros. Dado que estaba fóra das murallas, a súa defensa realizábase mediante dous baluartes, o do Berbés (na porta da Ribeira) e mais o de San Xián ou das Redes.

Toponimia A orixe do termo Berbés, que da nome tanto á rúa coma ao barrio, é incerta. Algúns autores, coma Xerardo Sacau, sostiñan que o nome proviña do berberecho, marisco abundante na zona. Outra hipótese contempla que o topónimo deriva dun termo prerromano que apela a unha altura ou unha depresión, o que encaixaría coa orografía do lugar. Unha última hipótese aludiría ao vello facial dos mariñeiros que frecuentaban a praza, que ao teren barbas abundantes serían coñecidos coma "os berbes" ou "os barbudos".

Arquitectura miniatura|350x350px|Representación de 1892, onde se aprecian as características casas mariñeiras con soportais, as actividades pesqueiras e redeiras, e a chegada do mar até case os propios soportais. A praza do Berbés xurdiu como refuxio para os mariñeiros do concello limítrofe de Redondela, cando as dificultades climatolóxicas impedían o regreso ao fondo da ría, obrigando a pernoctar na pequena enseada que por aquel entón formaba a ribeira da praza. A enseada, coñecida coma enseada de San Francisco, acolleu por volta de 1700 diferentes construcións similares a outras vilas mariñeiras do país.

Inicialmente, as construcións caracterizábanse por seren pequenas construcións mariñeiras, dunha altura, e con elementos de madeira para gardaren dentro redes e aparellos de pesca. Pouco a pouco foron converténdose, de pequeno almacén, a casas dos mariñeiros. Aumentaron as alturas dunha até dúas ou tres. Construíronse soportais baixo os que habitualmente se vendía peixe fresco, en salgadura, especialmente sardiña. esquerda|miniatura|Rúa Ribeirda do Berbés, onde se aprecian as diferentes alturas, os soportais e as medianeiras. A disposición das vivendas era tamén a típica dun barrio mariñeiro: unha ou dúas alturas, entre medianeiras e con fachadas estreitas, dispóndose a área da vivenda en profundidade. Pola fisionomía de barrio vivo e pesqueiro, os edificios pasaron a contar con zonas de soportais na que se desenvolvían actividades comerciais. Ademais, podíanse observar ménsulas que sostiñan ditos soportais con diferentes motivos ornamentais.

Co paso dos anos, o que eran pequenas construcións de mariñeiros foron adquiridas pola pequena burguesía local, así coma mariñeiros con maior nivel socioeconómico, o que desenvolveu nun aumento de construcións en granito.

A praza caracterízase por ter casas e edificios con gran variedade de alturas, con abundantes medianeiras entre os edificios.

Até finais do século XIX, o mar chegaba até os soportais das casas. Posteriormente realizáronse unha serie de muros, diques e recheos, ata que en 1925 construíuse o último muro que da o aspecto actual da praza.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Outros artigos Muralla de Vigo

Categoría:Prazas de Vigo