O factor acelerador da descomposición do complemento ou DAF (do inglés complement decay-accelerating factor), tamén coñecido como CD55, é unha proteína que, nos humanos está codificada no xene CD55 do cromosoma 1.
O DAF regula o sistema do complemento na superficie da célula. Recoñece os fragmentos C4b e C3b que se crean durante a activación do C4 (na vía clásica ou da lectina) ou C3 (na vía alternativa). A interacción de DAF co C4b asociado á célula das vías clásicas e da lectina interfire coa conversión de C2 a C2b, impedindo así a formación da convertase de C3 C4b2a, e a interacción de DAF con C3b da vía alternativa interfire coa conversión do factor B en Bb realizada polo factor D, o que impide a formación da convertase de C3 C3bBb da vía alternativa. Así, ao limitar a amplificación de convertases do cadoiro do complemento, o DAF bloquea indirectamente a formación do complexo de ataque á membrana.
Esta glicoproteína está amplamente distribuída nas células hematopoéticas e non hematopoéticas. É un determinante para o sistema de grupos sanguíneos Cromer.
Estrutura
O DAF é unha proteína de membrana de 70 kDa que se une á membrana da célula por medio dunha áncora de glicofosfatidilinositol (GPI).
O DAF contén catro repeticións de proteína de control do complemento (CCP) cun so glicano ligado a N situado entre CCP1 e CCP2. Pola súa parte, CCP2, CCP3, CCP4 e tres residuos de lisina consecutivos nun peto positivamente cargado entre CCP2 e CCP3 están implicados na inhibición que fai DAF da vía alternativa do complemento. CCP2 e CCP3 soas están implicadas na inhibición realizada por DAF da vía clásica do complemento.
Patoloxía
Hemoglobinuria nocturna paroxística Como DAF é unha proteína ancorada con GPI, a súa expresión redúcese en persoas con mutacións que reducen os niveis de GPI, como ocorre na hemoglobinuria nocturna paroxísmica. Nese trastorno, os glóbulos vermellos con moi baixos niveis de DAF e CD59 sofren unha hemólise mediada polo complemento. Entre os síntomas están: baixo reconto de glóbulos vermellos (anemia), fatiga e episodios de urina de cor escura e outras complicacións.
Enfermidades infecciosas
O DAF utilízase como receptor dalgúns coxsackievirus e outros enterovirus. o DAF-Fc recombinante soluble foi probado en ratos como terapia antienterovirus para danos no corazón; porén, o enterovirus humano que foi testado únese moito máis fortemente ao DAF humano que ao de rato ou rata de laboratorio. Os echovirus e coxsackie B virus que usan o DAF humano como receptor non se unen a análogos de DAF de roedores. O DAF-Fc aínda ten que ser testado en humanos.
A unión de DAF ao VIH-1 humano cando os virións están evaxinándose da superficie das células infectadas protexe o VIH-1 da lise mediada polo complemento.
Notas
Véxase tamén Outros artigos CD59
Bibliografía
Ligazóns externas
Sistema de grupos sanguíneos Cromer en BGMUT Blood Group Antigen Gene Mutation Database do NCBI, NIH
Categoría:Hematoloxía Categoría:Sistema do complemento Categoría:Antíxenos CD