O Hotel Bahía de Vigo é un inmoble da cidade de Vigo inaugurado en 1971. Posúe 17 andares, dos que os dez primeiros son cuartos destinados á hostalaría con 91 habitacións, mentres que os sete restantes están destinados a vivendas. Sitúase na rúa de Cánovas del Castillo, á beira do mar, onde anteriormente se atopaba a praza de abastos da Laxe. É, xunto coas torres do Círculo de Empresarios, o terceiro edificio en altitude da cidade, só superado pola Cidade da Xustiza (o antigo Hospital Xeral) e o rañaceos da illa de Toralla. En febreiro de 2019 houbo un incendio no edificio que obrigou a desaloxar a totalidade dos hóspedes.

Historia No espazo no que se atopa o Hotel Bahía estaba situada unha praza de abastos, a antiga praza de abastos da Laxe, que foi derruída para edificar o hotel. Dito mercado, composto por dous andares e construído en pedra, ferro e cristal, foi edificado en 1900, aproveitando o desnivel entre as rúas Pescadaría, popularmente coñecida coma rúa das Ostras, e Montero Ríos. Finalmente, durante o mandato do alcalde Rafael Portanet, decidiuse a súa demolición para construír no seu lugar un hotel.

O proxecto xerminou por parte dun grupo de médicos que decidiran investir nun hotel en Vigo que tivese vistas ao mar, que marcase o panorama urbano da cidade e que tivese catro estrelas, xa que o único que posuía tal cualificación, o hotel Continental, fora derrubado meses antes.

Durante o proceso de construción do inmoble, xa cando se comezaran a erguer varios andares, os promotores quedaron sen fondos para finalizaren o proxecto. Isto provocou a solución de dúas modalidades habitacionais: a metade dos pisos como hotel e a outra metade como apartamentos que se venderían para rematar de financiar o edificio. Anos despois, a empresa propietaria fora recuperando algúns andares ao recomprar algunhas vivendas.

Comezouse a construír o 4 de maio de 1968, nun acto onde se colocou a primeira pedra do hotel. A dito acto asistiu representación municipal e eclesiástica, como o daquela párroco de Santa María ou o presidente e outros membros do consello de administración da empresa Lage S.A., propietaria do antigo mercado da Laxe e tamén promotor do hotel. Tamén asistiu o director da empresa Meliá, empresa da que formaba parte Lage S.A. O orzamento da obra superou os cen millóns de pesetas.

Finalmente, o hotel comezou a operar en 1970, aínda que oficialmente foi inaugurado semanas despois, xa en 1971.

Arquitectura O edificio do Hotel Bahía consta de 17 andares, dos cales os tres primeiros están construídos en pedra, cunha planta rectangular lixeiramente maior ca o resto do edificio. O resto dos andares están construídos en cemento, cunha fachada cuberta por baldosas azuis.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Hotel Universal

Categoría:Hoteis Categoría:Arquitectura civil en Vigo