Ruth Etting, nada en David City o 23 de novembro de 1896 e finada en Colorado Springs o 24 de setembro de 1978, foi unha cantante e actriz estadounidense, de grande éxito nas décadas de 1920 e 1930. Gravou máis de sesenta discos. Os seus maiores éxitos foron "Shine On Harvest Moon", "Ten Cents a Dance" e "Love Me or Leave Me" e as gravacións máis populares inclúen "Button Up Your Overcoat", "Mean to Me", "Exactly like you" e "Shaking the Blues Away".

Traxectoria Ruth Etting naceu en Nebraska, mais deixou o seu fogar aos dezasete anos para entrar nunha escola de artes en Chicago. Conseguiu un traballo para deseñar vestidos para os empregados, cantantes e bailaríns, do club Marigold Gardens.

Converteuse en cantante do club e despois casou co gangster Martin "Moe the Gimp" Snyder o 12 de xullo de 1922. Snyder promoveu a súa carreira, conseguindo aparicións na radio e un contrato de exclusividade con Columbia Records. Etting debutou en Broadway co espectáculo Ziegfeld Follies of 1927, e participou noutros espectáculos nun rápido ascenso. Entre esas obras figuran Simple Simon e Whoopee!. En Hollywood participou nunha longa serie de curtametraxes entre 1929 e 1936, alén de tres longametraxes en 1933 e 1934. En 1936 ela debutou en Londres en Transatlantic Rhythm de Ray Henderson.

Etting divorciouse de Moe Snyder o 30 de novembro de 1937. Ela namorárase do pianista Myrl Alderman que en 1938 levou un tiro e ficou ferido nunha discusión co ex marido de Etting. Snyder foi condenado por tentativa de homicidio mais apelou e saíu da cadeia despois dun ano. Etting casou con Alderman en decembro de 1938. O escándalo e o xuízo sensacionalista nos Ánxeles puxeron fin á carreira de Etting, aínda que conseguiu presentar durante un curto período un programa de radio en 1947. Alderman morreu o 16 de novembro de 1966.

Ruth Etting morreu en Colorado Springs, Colorado en 1978, aos 81 anos de idade.

Na cultura popular A súa vida foi a base para o filme de 1955 Love Me or Leave Me, con Doris Day e James Cagney.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Ruth Etting Biografia de Ruth Etting

Categoría:Nados en Nebraska Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1978 Categoría:Cantantes de Nebraska Categoría:Actores de Nebraska Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de teatro dos Estados Unidos de América Categoría:Paseo da Fama de Hollywood