Encarnación Hernández Luna, coñecida como Luna, nada en Benejama (Alacant) en 1912 e finada no Quebec en 2004, foi comandante do exército republicano durante a guerra civil española.

Traxectoria Filla de Dolores Luna Sarrió e Andreu Hernàndez Richard, republicanos convencidos, tivo un irmán, Andreu, quen tamén loitou no Exército Popular.

Trasladouse a vivir a Madrid onde traballaba na sección téxtil dos Almacéns Rodríguez da Gran Vía, cando estalou a Guerra civil. Afiliada ao Partido Comunista de España (PCE), incorporouse voluntaria á 22ª Brigada Mixta de Metralladoras do Quinto Regimiento. Foi ascendendo por méritos de guerra na 11ª División (coñecida como a División Lister). Foi nomeada primeira tenente en xaneiro de 1937 e capitá en xuño de 1937.

Mentres combatía na Serra de Guadarrama coñeceu o brigadista cubano Alberto Sánchez, quen loitaba no sector de Buitrago, co que casaría tras a batalla de Guadalaxara. Oficiou a cerimonia Enrique Líster.

Encabezou unha compañía de metralladoras baixo as ordes de Rogelio Pando. O seu marido morreu o 25 de xullo defendendo Brunete. Pablo Neruda, amigo do matrimonio, dedicoulle un poema. Tras a batalla do Ebro foi ascendida a comandante de Brigada. A súa confirmación no cargo de capitá foi publicada no Diario Oficial do Ministerio de Defensa republicano.

Sobreviviu á militarización das milicias republicanas. Foi unha das 31 mulleres que alcanzaron gradación militar no Exército Popular, e delas foi a que conseguiu maior gradación. O asesor soviético Rodimtsev eloxiou nas súas memorias o talento para a loita de Luna: a súa visión táctica, os seus dotes de mando, a súa capacidade para aproveitar o terreo e emprazar as metralladoras onde podían ser clave.

Exilio e morte Ao acabar a guerra, Luna exiliouse co seu pai a Francia, de onde partiu á Unión Soviética. Alí traballou para a Internacional Comunista. Despois marchou ao Canadá, onde viviu con outro nome. Finou no Quebec en 2004.

Recoñecemento Unha rúa do municipio madrileño de Xetafe leva o seu nome.

Véxase tamén Mika Etchebéhère Fanny Schoonheyt

Notas

Categoría:Finados en 2004 Categoría:Nados en 1912 Categoría:Guerra civil española