O Pa de pagès (pronuncia catalá: [ˈpa ðə pəˈʒɛs]; “pan de campesiño” en catalán) é un tipo de pan tradicional da cociña catalá. Elabórase de maneira artesanal e cócese nun forno con base refractaria, o que lle dá unha codia grosa que axuda a manter o interior fresco e brando durante máis tempo. O seu contido en graxas é inferior ao doutros pans comúns. O pa de pagès ten unha forma redonda e adoita venderse en formatos de 250 gramos, medio quilo ou dous quilos. Pódese mercar enteiro ou en rebandas, e é comunmente utilizado para preparar pa amb tomàquet.

Nome O nome pa de pagès tería a súa orixe en Barcelona a finais do século XIX e comezos do XX, coincidindo co éxodo rural. Os panadeiros comezarían a chamar pa de pagès ao pan redondo tradicional catalán para diferencialo doutros pans máis industriais que comezaran a popularizarse naquela época.

IXP Pa de Pagès Català Desde febreiro de 2013, o pa de pagès elaborado en Cataluña está certificado cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) co número de expediente PGI-ES-0880. Defínese como un pan tradicional, redondo, cunha codia crocante, miga branda e con grandes alvéolos, no que polo menos o moldeado debe facerse a man. O pan debe fermentar durante polo menos tres horas e cocerse nun forno con base refractaria.

A Federación Catalá de Asociacións de Gremios de Panadeiros (Federació Catalana d'Associacions de Gremis de Flequers) promoveu a creación da Indicación Xeográfica Protexida Pa de Pagès Català en outubro de 2010. O 20 de febreiro de 2013, a Comisión Europea publicou un regulamento no que se declaraba a inclusión do Pa de Pagès Català na lista de Indicacións Xeográficas Protexidas.

Notas

Véxase tamén

Pa amb tomàquet

Categoría:Gastronomía de Cataluña