Gustav Suits, nado en Kurista, Estonia, o 30 de novembro de 1883 e finado en Estocolmo, Suecia, o 23 de maio de 1956, foi un poeta estoniano. Foi tamén un dos primeiros líderes do grupo literario Noor-Eesti.

Traxectoria Fillo do mestre Hindrik Suits e de Liis Suits, de solteira Kerge. Tiña unha irmá maior chamada Ann. En 1895 trasladouse a Tartu, Estonia, para estudar no Gymnasium Alexander. Suits disfrutou tanto desta animada cidade universitaria e dos seus centros intelectuais que se propuxo formar parte da súa vida literaria. Aos 16 anos, o xornal Uus Aeg —«Novo Tempo»— publicou o seu primeiro ensaio crítico. En 1899, o mesmo xornal deu a coñecer o seu primeiro poema, titulado Vesiroosid.

En 1901, Suits comezou a pasar os veráns dando pasantía de alemán e de francés. Ese mesmo ano fundou a sociedade literaria Kirjanduse Sõbrad, un grupo no que participaba tamén A. H. Tammsaare, quen chegaría a ser o novelista máis importante de Estonia. A sociedade publicaba unha revista titulada Kiired.

Entre 1905 e 1916, Suits estivo estreitamente vinculado ao movemento literario estoniano coñecido como Noor-Eesti. Durante eses anos, o grupo acadou relevancia pública, incorporando influencias europeas á literatura estoniana e proxectando, á súa vez, elementos do estilo estoniano na literatura europea. Entre 1917 e 1919, Suits participou activamente no Partido Socialista Revolucionario Estoniano. En 1921 converteuse na primeira persoa en ensinar literatura en estoniano a nivel universitario. Ata que deixou o seu cargo en 1944, publicou numerosos ensaios de investigación centrados na literatura estoniana. En 1924 fundou a Sociedade Literaria Académica de Estonia.

En 1944, Suits foi un dos aproximadamente 70 000 estonianos que fuxiron da ocupación soviética. Xunto á súa familia, estabeleceuse en Estocolmo, Suecia, onde escribiu a meirande parte da súa poesía e moitos dos seus traballos de investigación.

Pasamento En 1956, Suits contraeu unha grave doenza e faleceu aos 72 anos. Está soterrado no cemiterio Skogskyrkogården de Estocolmo.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en 1883 Categoría:Nados en Estonia Categoría:Finados en 1956 Categoría:Poetas de Estonia Categoría:Alumnos da Universidade de Tartu Categoría:Profesores da Universidade de Tartu