Félix Francisco Casanova, nado en Santa Cruz de la Palma o 28 de setembro de 1956 e finado en Santa Cruz de Tenerife o 14 de xaneiro de 1976, foi un poeta e escritor canario.
Traxectoria Félix Francisco Casanova naceu na illa da Palma, fillo do dentista e poeta Félix Casanova de Ayala e de Concepción Martín Díaz. Pouco despois, a familia trasladouse a Tenerife, onde Casanova comezou a ler os poetas clásicos e, sobre todo, a escoitar música, a súa auténtica paixón. Sendo moi novo, fundou un grupo de rock alternativo, Hovno (en ).
Casanova estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de La Laguna, onde entrou en contacto con figuras intelectuais como os filósofos José Luis Escohotado e Javier Muguerza, os poetas Carlos Pinto Grote e Arturo Maccanti, os escritores Agustín Díaz Pacheco e Luis Alemany, ou o catedrático de arte Fernando Gabriel Martín. Durante o seu terceiro ano, faleceu debido a unha fuga de gas mentres se bañaba no seu domicilio.
Obra Malia a brevidade da súa vida, Casanova escribiu unha obra intensa, orixinal e estraña, cunha asombrosa madurez na súa poesía e na súa prosa experimental. Aos 17, obtivo o premio de poesía Julio Tovar, un dos máis importantes das Canarias, por El invernadero (1973). Ao ano seguinte, gañou o galardón Pérez Armas de novela por El don de Vorace (1974), unha parodia de El túnel (1948) de Ernesto Sabato. Nunha breve nota biográfica para este libro, definiuse nestes termos: "Son o meu propio avó vendo a miña infancia xogar". Un mes antes da súa morte recibiu o premio do xornal La Tarde polo poemario Una maleta llena de hojas, a segunda parte de La memoria olvidada (1980), unha das súas máis notables achegas no eido da poesía. Outras das súas obras son: Espacio de hipnosis (1971), El sumidero (1972), Nueve suites y una antisuite (1972), Invalido las reglas (1973) e Ocioso en los amaneceres (1973). Con parte deste material, o seu pai confeccionou tres títulos: Cuello de botella (1976), Estampido del gato acorralado (1979) e Los botones de la piel (1986). Unha boa parte dos versos de Casanova está recollida no volume La memoria olvidada. Poesía, 1973-1976, publicado por Hiperión en 1990.
Casanova escribiu tamén un interesante diario, Yo hubiera o hubiese amado, redactado durante 1974 e publicado en 1983:
A editorial madrileña Demipage adquiriu os dereitos de todas a súas obras. En abril de 2010, republicou a novela El don de Vorace e, en outubro do mesmo ano, a escolma poética Cuarenta contra el agua, realizada por Francisco Javier Irazoki. Unha edición das súas obras completas saíu do prelo en 2017.
Legado Na actualidade, a súa influencia está a aumentar no ámbito español. O poeta Francisco Javier Irazoki dedicoulle o seu poemario Árgoma. Así mesmo, o cantautor Jabier Muguruza musicou un dos poemas de Casanova no seu disco Fiordoan. Dende 1977, un dos premios literarios máis importantes das illas Canarias, dedicado ao descubrimento de novos creadores, leva o seu nome. Outorgado anualmente polo Cabido Insular de La Palma, conta con dúas categorías: narrativa e poesía.
Os poemas de Casanova aparecen de xeito recorrente na novela Infamia (2019) de Ledicia Costas.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados en 1956 Categoría:Finados en 1976 Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Escritores das Canarias