A Math T(h)rash, ás veces estilizada MAT(H)RASH ou abreviada como MT(H), é unha corrente estética e artística contemporánea baseada na achega de valor estético mediante a aceptación do erro e o descarte no proceso artístico, en especial no ámbito dixital.

O termo combina tres conceptos en inglés: "math" (matemáticas, establece a base do estilo e refírese á necesidade de coñecemento específico e ao uso das innovacións tecnolóxicas no proceso creativo. Utilízase de xeito similar no termo Math rock, como calculado e complexo), "trash" (lixo, acolle a acumulación de contido descartado formando un mosaico ou colaxe por simple gusto estético. Garda relación co Barroco pola súa complexidade e pode referirse á recuperación tanto de lixo físico como dixital) e "thrash" (golpe ou malleira, caracterizando o ruído e a distorsión. Define a parte corrompida do estilo, da mesma maneira que no Thrash metal). Os primeiros en nomear esta "arte dos novos medios" foron o artista multidisciplinar barcelonés Mike Fernández e, principalmente, a artista e divulgadora Julieta Wibel no seu Manifiesto "Math T(h)rash", documento inspirado no ensaio de 1964 Notas sobre o Camp (en inglés Notes on "Camp"), da escritora estadounidense Susan Sontag, e no Manifiesto Ultradinámico do arxentino Felipe Pantone.

A idea de dar un nome a esta corrente xorde mentres Wibel e Fernández asisten ao festival de música electrónica Sónar no 2022, vendo que a meirande parte dos asitentes e críticos musicais consideraban que a arte do momento era unha mestura de todo o producido anteriormente, un eclecticismo sen orixinalidade. Eles deciden estudar os patróns tanto musicais coma visuais dos artistas do panorama máis vangardista. O concepto Math T(h)rash nace durante o propio festival e en pouco tempo xa estaban escribindo o manifesto, supervisado polo filósofo e escritor Ernesto Castro.

Historia e características Julieta Wibel adianta a cronoloxía da Math T(h)rash ás creacións de Nam June Paik, considerado o fundador da videoarte, mencionando tamén a obra do alemán Wolf Vostell "6 TV Dé-Coll/age", do 1963, coma unha das grandes referencias da estética da corrente, especialmente no uso da distorsión. Esta influencia pode verse en pezas do panorama artístico actual, coma o videoclip de EL CLúB do portorriqueño Bad Bunny, no que intercala elementos audiovisuais pertencentes ao coñecido como "val inquedante"(en portugués).

É quizais a máis importante influencia a do Dadaísmo, cunha oposición ás normas establecidas a través da descontextualización e o absurdo ou irracional, aplicada neste caso ao ámbito da Internet, que xa se manifestaba na Arte glitch. A idea de aceptar os erros no proceso creativo como "happy accidents" (felices accidentes) fora xa popularizada polo pintor e presentador de televisión Bob Ross no seu programa The Joy of Painting. Estes erros poden producirse de maneira intencional a través de métodos coma o datamoshing, o uso da fotogrametría, a síntese modular ou a intelixencia artificial.

A principal diferenza con movementos anteriores coma o dadaísmo, a videoarte ou o vaporwave é que na Math T(h)rash a utilidade da ferramenta ou a finalidade da obra quedan eclipsadas pola súa estética, adquirindo un valor en si mesma, de maneira que non prevalece a mensaxe nin a intencionalidade.

A Math T(h)rash caracterízase pola inclusión da interactividade entre obra e espectador, que podemos ver nas instalacións de Rafael Lozano-Hemmer, e por unha filosofía de mente aberta, baseada no "open source" (código aberto), de maneira que se esvaece a liña entre espectador e artista. Todos poden reutilizar as obras, modificalas, mesturalas e crear unha peza nova.

En abril do 2024 Wibel crea unha vídeo-performance para o Museo Thyssen-Bornemisza á que dou o nome de La Adoración Neoplasticista para anunciar o concurso #VersionaThyssen XIX. Nela mostraba o seu cadro Math T(h)rash Éxtasis neoplasticista, unha colaxe inspirada en cadros da exposición permanente do museo coa que se pode interactuar a través da realidade aumentada.

O 13 de xuño do 2025 o festival Sónar convida a Julieta Wibel e Mike Fernández, en compañía da artista Samantha Hudson, a un debate e conversa sobre a Math T(h)rash. O festival defínea coma unha estética artística, que mestura a cultura gótica, os memes da Internet e as cores fluorescentes con referencias á fantasía e a ciencia ficción. Ao longo dos tres días que dura o festival ambos artistas exporán unha instalación de arte, unha impresora infinita.

Exemplos Pertence a esta corrente a artista venezonala Arca, destaca o videoclip de Mequetrefe do álbum de estudio Kick i.

Outro exemplo no ámbito musical é SOPHIE, pioneira co videoclip de Faceshopping.

Na música en directo destaca o dúo Lolo & Sosaku, quen adoitan integrar ao público dentro da actuación e utilizan instrumentos fabricados por eles, ás veces completamente autónomos grazas á implementación de motores.

Carlos Sáez preséntase coas súas pezas corporales para artistas coma Arca ou Rosalía, creando para esta última os cascos fluorescentes do Motomami World Tour. O seu proxecto Cloaque.org é un claro exemplo da mentalidade de "código aberto", a mestura dos descartes e o colaboracionismo entre artistas.

Notas

Categoría:Arte contemporánea Categoría:Arte conceptual