A literatura tongzhi (en chinés tradicional: 同志文學; en chinés simplificado: 同志文学; en pinyin: Tóngzhì wénxué) é unha forma de literatura LGBT orixinaria de Taiwán, con influencia da China continental, Hong Kong e as comunidades sinófonas de países como Malaisia. O termo tongzhi, que significaba "camarada" e tiña connotacións políticas, adoita empregarse na actualidade polas xeracións máis novas de persoas LGBT.

Concepto A literatura tongzhi foi teorizada principalmente polo escritor taiwanés Chi Ta-wei, quen a definiu como "unha literatura que fai sentir aos lectores a homosexualidade". Así, distínguea do boys love (en chinés tradicional: 耽美文學; en pinyin: Dānměi wénxué) e da literatura homosexual (en chinés tradicional: 同性戀文學; en pinyin: Tóngxìngliàn wénxué). Malia que os seus contidos son moi próximos, a literatura tongzhi destaca por ser tamén "un campo"; isto é, "un contedor". Ademais, a idea de literatura homosexual designa sobre todo un corpo de textos médicos que, no período anterior ao levantamento da lei marcial en Tawián (1987), perseguían e estigmatizaban ás persoas LGBT. Pola súa banda, o danmei redúcese aos textos que narra historias de amor entre homes atractivos.

Ao contrario que en Taiwán ou en Hong Kong, onde a literatura tongzhi pode publicarse polas canles tradicionais, na China trátase dun xénero case exclusivamente divulgado a través da internet. Así, Pierrick Rivet fala da "literatura tongzhi online" (en chinés simplificado: 网络同志文学; en pinyin: Wǎngluò tóngzhì wénxué) neste contexto.

Historia O xénero apareceu na década de 1990, considerada a idade de ouro da literatura tongzhi. Porén, hai obras anteriores como as de Pai Hsien-yung nos 70 e 80. En 1998, estableceuse o Global Chinese Tongzhi Literature Prize. Moitos dos textos tongzhi divulgáronse a través da internet.

As obras deste xénero adoitan centrarse nas dificultades das minorías sexuais, mais que nas relacións amorosas. Entre os autores e autoras desta corrente, destacan Chi Ta-wei, Qiu Miaojin ou Chen Xue.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Literatura de Taiwán