O Lavender Scare (en ) foi un episodio de pánico moral sobre as persoas homosexuais que traballaban no goberno dos Estados Unidos de América, que levou ao despido de numerosos traballadores públicos a mediados do século XX. Coincidiu coa campaña anticomunista coñecida como macartismo e co segundo Red Scare. As persoas gays e lesbianas foron acusadas de ser un risco para a seguridade nacional e simpatizantes do comunismo, polo que se solicitou a súa retirada dos postos públicos. Ademais, pensábase que o estigma da homosexualidade os facía vulnerables ante a extorsión. Neste sentido, perseguiuse menos ás lesbianas, pero aínda así moitas foron interrogadas e perderon os seus traballos.

O Lavender Scare normalizou o acoso ás persoas homosexuais mediante a institucionalización burocrática da homofobia. Segundo o senador Alan K. Simpson: "O chamado Red Scare foi o centro de atención principal da meirande parte de historiadores dese período. Un elemento menos coñecido e que danou a moitas máis persoas foi a caza de bruxas que McCarthy e outros dirixiron contra os homosexuais".

Etimoloxía A expresión Lavender Scare popularizouse polo traballo homónimo de David K. Johnson sobre esta campaña homófoba, publicado en 2004. O libro derivou o seu título do termo lavender lads (en ), usado a eito polo senador Everett Dirksen como sinónimo de gay. En 1952, Dirksen afirmou que unha vitoria republicana nas eleccións xerais de novembro dese ano implicaría a eliminación dos "rapaces lilas" do Departamento de Estado. A frase usouse tamén na revista Confidential, unha publicación periódica dedicada ás rexoubas sobre a sexualidade dos políticos e das estrelas de Hollywood.

Historia Moito antes das investigacións do Congreso de 1950, as institucións estadounidenses xa desenvolveran un complexo e efectivo sistema de regulacións, estratexias e persoal para sacar do armario ás persoas homosexuais que logo sería posto ao servizo das políticas do Lavender Scare. Segundo Naoko Shibusawa, este sistema estaba relacionado cunha expansión xeral do estado burocrático contra o remate do século XIX, cuxas institucións tendían cada vez máis a clasificar á poboación de maneira sistemática como válidas ou inválidas. As persoas homosexuais incluíronse nestes segundo grupo, xunto con xente denominada "criminalmente tola" ou "moralmente depravada", aínda que non se actuou contra elas de xeito consistente até máis tarde. Margot Canady e Michael S. Sherry afirmaron que a homofobia do período da guerra fría (así coma o "pánico moral sobre o sexo" que data da gran depresión) ocorreu nun contexto no que se "percibían mudanzas nas relacións de xénero e raza, as continuas deslocalizacións do capitalismo tardío, a expansión da urbanización, as crises económicas e internacionais, os axustes da posguerra e a obstinación dunha sociedade e cultura do consumo supostamente dominada polas mulleres".

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Homofobia Heteronacionalismo Macartismo Red Scare

Categoría:Macartismo Categoría:Wikipedia:Artigos con extractos Categoría:Historia dos Estados Unidos de América Categoría:LGBT nos Estados Unidos de América