Eduardo García Río, nado en Santiago de Compostela en 1965, é un matemático galego, catedrático de Xeometría e Topoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

Especializado en xeometría riemanniana e de Lorentz, a súa traxectoria investigadora céntrase na análise xeométrica, destacando as súas achegas á curvatura e á simetría en espazos diferenciables.

Traxectoria García Río obtivo o doutoramento en Matemáticas na USC en 1992, coa tese "Variedades casi-hermíticas indefinidas", dirixida polos profesores Agustín Bonome Dopico e Luis María Hervella Torrón. Incorporouse á USC como profesor titular en 1994 e ascendeu a catedrático en 2010. Foi director do Instituto de Matemáticas da USC entre 2010 e 2014, un dos xermes do actual Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, do que é membro garante.

Investigación A súa actividade investigadora abrangue áreas como a xeometría semi-riemanniana, a análise xeométrica e a física matemática. Publicou máis de 150 artigos en revistas internacionais e é autor de sete libros, así como coeditor doutros catro. Dirixiu 13 teses de doutoramento e foi investigador responsable de numerosos proxectos desde 1998. Colaborou con institucións como a Agencia Estatal de Investigación, onde foi coordinador da súa área de Xeometría e Topoloxía entre 2018 e 2022.

As súas achegas á resolución da conxectura de Osserman e os seus estudos sobre variedades Einstein son referencias fundamentais na súa especialidade. Participou en estadías de investigación na KU Leuven, Kyoto University, Cornell University, E. Schrödinger Institute for Mathematics and Physics e na TU Berlín.

En 2023, ingresou na Real Academia Galega de Ciencias como académico numerario na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. No seu discurso de ingreso, titulado "Curvatura e simetría", destacou a importancia das matemáticas no desenvolvemento de avances tecnolóxicos e a súa presenza na vida cotiá.

Docencia Na USC, imparte materias como "Curvas e Superficies", "Teoría Global de Superficies" e "Variedades Diferenciables" nos graos en Matemáticas e en Física, así como no Máster e Doutoramento en Matemáticas.

Distincións e recoñecementos Foi bolseiro da Cannon Foundation en 1998 e recibiu homenaxes en congresos internacionais, como o congreso "Symmetry and Shape" celebrado en 2024 na USC, que recoñeceu a súa traxectoria no campo da xeometría diferencial.

Notas

Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1965 Categoría:Matemáticos de Galicia