A olaría de Gundivós é artesanía elaborada na zona de Sober (provincia de Lugo), coñecida como "terra de cacharreiros" e delimitada visual e xeograficamente polos remates ornamentais desta cerámica ancestral que colocaban nos tellados das vivendas.
Caracterízase por unha identificadora cor negra, procedente do afumado con lume de carqueixa cun acabado interior feito con pez de resinas de piñeiro, após a cocción en forno de pedra e da elaboración en torno baixo movido coas mans.
As pezas que conforman este patrimonio cultural vivo situado na Ribeira Sacra son destinadas, de xeito prioritario, á almacenaxe e transporte de produtos como viño e aceite, á cociña e á matanza.
O Museo do Pobo Galego ten unha destacada colección de olaría de Gundivós.
As orixes Se ben Luciano García Alén alude a que en Sober se desenvolveu unha industria de olaría entre xentes campesiñas que acadou unha importante magnitude durante o século XIX e na primeira metade do XX, tamén se sinalan as orixes da cerámica desta zona no feito de que os romanos transportaban o viño de Amandi en ánforas desde Gundivós. Ao chegaren ao porto de Roma, o viño vendíase e os recipientes levábanse en burro ao Monte Testaccio, que era un vertedoiro de cerámica.
En todo caso, considérase a olaría tradicional viva máis antiga de Galiza, cun procedemento de elaboración e con formas e influencias ancestrais prerromanas e da época castrexa.
Coincidindo coa celebración da I Feira do Viño de Amandi, en 1980, retomouse a tradición oleira ao retornaren algúns artesáns que tiveran que marchar á emigración.
O barro como materia prima e primixenia
Das barreiras extráese a materia prima, mediante pozos ou buratos dunha profundidade entre medio metro e dous metros, con pequenas galerías para aproveitaren o filón. O barro procedente de Lobios, parroquia de Sober, caracterízase por ser ligoso, tamén denominado correúdo, e o da Veiga de Liñares, na parroquia de Figueiroá é farangullán. Para lle dar cor, mestúrase con barro rubio de Gundivós.
Carréxase cara a un alpendre, onde se deixa secar sobre lousas de pedra que conforman un barreiro. Para o picar, golpéase coa barra, unha peza de ferro dunha lamia da roda dun carro, ao tempo que se humedece con auga para o molentar. Após iso, mestúranse as clases de barro na proporción axeitada para cada tipo de cacharro e déitase sobre unha lousa para o curtir, un proceso que consiste en batelo co mallo ou pisón, que é un mazo de madeira de carballo cun mango dun metro de longo.
Logo amásase, humedécese e elimínanselle as impurezas para evitaren os gromos. Este preparado chámase piadela e, con esta masa de barro, fanse dous bolos ou burillóns que se depositan xunto á roda para a tarefa desa xornada.
En Gundivós nunca existiu o vitrificado ou esmaltado, como nas outras olarías galegas de Buño, Niñodaguia ou Bonxe.
O torno baixo e maila elaboración das pezas alt=Peza de olaría tradicional galega|miniatura|Xerro de Gundivós|esquerda O torno característico de Gundivós está conformado por unha roda baixa de madeira que se impulsa coa man, cun vío que se asenta no tallo. Embaixo disto, despois dunha peza rectangular, vai unha cruceta que serve para lle dar movemento á roda. A peza central ou fondeira renóvase cando se desgasta. As madeiras son todas de carballo, agás a do vío que pode ser de buxo ou de cerdeira.
O laborioso proceso comeza despois de extraer e de preparar o barro nos días previos.
Déitase un pouco de po de cinsas na parte central da roda para evitar que se apelique o barro á madeira. Amásase un anaco de barro para gañar plasticidade e estírase desde o centro da roda, golpéase coas mans para lle dar o tamaño e o groso acaídos para crear o fondo ou cu da peza. Elabóranse churros ou cerillotes que se enrolan, superpostos desde o fondo, para conformaren as paredes ao tempo que o torno xira. A parte inferior do cacharro denomínase cacho. Sóbense as cavas e iguálanse os cerillotes co dedo índice pola parte interior e co polgar pola exterior, mentres o torno xira con máis premura. Entón érguese o pescozo ou papo. Faise a ourella, o remate superior, tamén chamada bordo ou ourillo. Coa axuda dun trapo húmido de liño ou de la, sóbase a peza para facer uniforme o grosor do bordo. Dáselle forma ao cacharro, alísase e perfecciónase a ourella. Moldéase o bico ou biquela, no caso dos xerros, que é por onde se vai verter o viño. Para a decoración, colócanse vincos ou relevos, ademais da ornamentación incisa realizada coa pitela -unha lasca triangular de salgueiro ou de cerdeira- e tamén mediante reberetes, leves depresións marcadas cun dedo para facer os enfeites. De seren onduladas, chámanlles ringorrangos ou reviraganchos. Nos xerros toman a forma de bigotes. No caso das ámboas e das pezas grandes, esta decoración serve de reforzo. Colócase a asa, desde a ourella ata a parte final da barriga, onde se liga cun anaco de barro para lle dar consistencia ao amarre. Ponse a secar a peza aproveitando a sombra cando vai calor ou buscando unha zona solleira cando vai frío. Cando hai varios feitos, lévanse a cocer nun forno de pedra en que teñen que ser ben colocados para repartir ben a calor. Para iso, o artesán métese no forno e constrúe unha bancada con pezas sen uso e logo ascende polas paredes, axudándose de mans e pés, ao tempo que asenta os cacharros que lle entregan desde fóra.
Cada fornada, de máis de oito horas, consome entre 300 e 400 kg de carqueixas e carpazas. Precisa un control da temperatura e do punto de cocción.
Cómpre sinalar que nas coccións comunais adoitaban deixar cadansúa marca identificadora, inscrita no cu da peza, para as diferenciaren e atribuíren á correspondente oleira ao remate deste proceso.
Após a cocción, faise o empegado co que se impregna a peza de pez para a súa impermeabilización en caso de seren destinadas a conter líquidos. Unha ámboa grande require ata 2 kg desta resina de piñeiro.
Cacharreiras e cacharreiros alt=Fábrica e museo de cerámica en Sober|miniatura|Casa reitoral rehabilitada por Elías González e acondicionada como Centro Oleiro de Gundivós. De Lola de Penelas, dicíase que era boa cacharreira, que facía facilmente 20 ámboas ou máis de 30 olas por xornada e mesmo traballaba "cun fillo ao peito". De feito, Sargadelos dedicoulle unha das pezas de homenaxe ás mulleres e oficios tradicionais, cunha edición limitada de 1.000 exemplares deseñada por Vizoso.
Tamén era recoñecida a habilidade de Teresa de Montarelle e de Manuel "Velón". Outros cacharreiros que deixaron a súa pegada foron Ventura "O Chocolateiro", Antonio "O Zorro" e mais o seu irmán Xosé e o seu fillo Alonso, Xulio "O da Pena", Manuel "da Maroca", Manuel "O do Camilo", "O Calexa", Federico, Xosé "Do Ánxele", Antonio "do Castro", Xosé Vilanova, Alonso Díaz e Obdulia Rodríguez "Lula", que recibiu en 2017 o Premio Artesanía de Galicia como mestra alfareira.
Ata 2023 estivo en activo o mestre oleiro Agapito González , quen lle transmitiu a súa sabedoría a Elías González, que rehabilitou a casa reitoral construída en 1765 e a converteu no Centro Oleiro de Gundivós , onde ten o seu taller e mantén vivo este oficio. Elías González e Dolores López recibiron o premio Innovación, de Artesanía de Galicia, pola peza 'Fotomeleira'.
Otilia Arias e Tomás López tamén seguen a traballar en Figulus, situado no lugar de Corvelle (Proendos, Sober)."Debemos ter en conta o mantemento da actividade en termos tradicionais no sistema produtivo da sociedade en que se insiren os artesáns que están a facer pezas na actualidade nos obradoiros galegos. Pódese dicir que esta transición se inscribe nun proceso xeral de selección cultural en que son visibles algunas das fases e aspectos característicos desta situación; en concreto, tanto a natureza como a historia e a xenialidade fan acto de presenza neste caso.
Así, non resulta estraño que a artesanía do barro apareza asociada, como reclamo de mercado, ao chamado ecoturismo ou turismo verde, vinculados mediante un proceso de recuperación de formas e de relacións (interpersoais e persoa-medio) consideradas típicas dun pasado en que a sustentabilidade se percibe na actualidade como marca definitoria destas relacións".
Elena Freire Paz
Formas funcionais e utilitarias alt=Pezas de olaría tradicional|miniatura|Cuncas de Gundivós Xarros, ámboas, cuncas, fontes de manteiga, buleiros para prepararen os bolos de millo, cazolas, chocolateiras, meleiras, queixeiras, barreñóns, cántaros de medida, pucheiras de munguir e pucheiros, olas de auga, escorrecubas ou barcais, porróns para o vinagre, pipas, ourinós ou penicos, petos, tiraleites, testos ou tapadeiras, potes, barrís e floreiros, á parte dos animaliños ou "bechos" para as nenas e os nenos brincaren, son algúns dos cacharros que se elaboran na olaría tradicional de Gundivós.
Xogos e cantigueiro popular Como divertimento, ao remate da faena, o cacharreiro ou cacharreira podía facer pezas zoomórficas como cans, galiñas, raposos ou bois. Algunha vez recompensaban o labor prestado por un neno ou nena co "xogo da pita e do zorro", que puñan sobre a roda, en tanto xiraba, para apostaren quen colle a quen.
Ao pasar por Gundivós,
o primeiro que se ve
son as olas a secar
e os fornos a cocer
Notas
Gundivós Categoría:Sober