Jane Cooke Wright, tamén coñecida como Jane Jones, nada en Manhattan (Nova York) o 30 de novembro de 1919 e finada en Guttenberg (Nova Jersey) o 19 de febreiro de 2013, foi unha cirurxiá estadounidense e unha pioneira na investigación do cancro, coñecida polas súas contribucións á quimioterapia. En particular, Wright é recoñecida por desenvolver a técnica de utilizar o cultivo de tecidos humanos no canto de ratos de laboratorio para analizar os efectos de potenciais fármacos en células cancerosas. Tamén iniciou o uso do metotrexato para tratar os cancros de mama e de pel (micose fungoide).

Primeiros anos, familia e educación A familia Wright tivo unha sólida historia de logros académicos en medicina. A nai, Corinne Cooke, era profesora da escola pública, e o pai, Louis T. Wright, foi un dos primeiros licenciados afroamericanos da Facultade de Medicina de Harvard. Foi o primeiro médico afroamericano nun hospital público en Nova York. Durante os 30 anos que traballou no Harlem Hospital, fundou e dirixiu a Harlem Hospital Cancer Research Foundation. O pai biolóxico de Louis, o doutor Ceah Ketcham Wright, quen naceu na escravitude mais graduouse na facultade de medicina, morreu cando Louis tiña catro anos. O padrasto de Louis era William F. Penn, o primeiro afroamericano en licenciarse do Yale Medical College. O tío de Jane, Harold Dadford West, tamén médico, foi presidente da Meharry Medical College.

De nena, Wright estudou na Ethical Culture Fieldston School, despois na escola "Ethical Culture" e na "Fieldston School", da que se graduou en 1938. Durante o seu tempo na Fieldston School, Wright estaba moi implicada nas actividades extracurriculares. Foi a editora artística do anuario escolar e foi nomeada capitá do equipo de natación. As súas materias favoritas eran matemáticas e ciencias. Despois da Fieldston School, Wright recibiu unha bolsa para estudar na Smith University, onde ampliou os seus estudos e continuou a estar moi implicada nas actividades extracurriculares. Formou parte do equipo universitario de natación, descubriu a súa paixón pola lingua alemá e viviu por un tempo na German House. En 1942 Wright graduouse en arte da Smith University e posteriormente recibiu outra bolsa para estudar na New York Medical College. Graduouse con honores en 1945 dun curso acelerado de tres anos.

Traxectoria profesional Wright realizou residencias no Bellevue Hospital (1945–1946) e no Harlem Hospital (1947–1948), onde se converteu en residente xefa. En 1949 uniuse ao seu pai no labor investigador no Harlem Hospital Cancer Research Center, fundado por el, e sucedeuno como director trala súa morte en 1952.

Ela e o seu pai desenvolveron interese nos axentes quimioterapéuticos e en facer que a quimioterapia fose máis accesíbel para todo o mundo. Na década de 1940 a quimioterapia non tiña aínda moito percorrido, polo que non se coñecía nin se empregaba moito porque se atopaba aínda nunha etapa experimental e de desenvolvemento. De feito, era considerada o «último recurso» e non estaban ben definidos os fármacos dispoñíbeis e as doses destes. Tanto Jane coma o seu pai querían facer da quimioterapia un método máis accesíbel para o tratamento do cancro. Foron os primeiros en documentar o uso das mostazas nitroxenadas e de antagonistas do ácido fólico para trataren o cancro. Estes últimos poden bloquear o ácido fólico no corpo, o cal é necesario para as células produciren determinados tipos de aminoácidos. Ao bloquealo, as células son incapaces de crear novas cadeas de ARN/ADN e tampouco poden producir proteínas para a mitose.

Ao teren as células do cancro unha alta capacidade para multiplicárense no corpo humano en comparación con outras, é crucial evitar a mitose. Os antagonistas do ácido fólico que se analizaron foron probabelmente o máis importante dos descubrimentos porque son altamente potentes contra unha ampla variedade de tumores sólidos, entre outros, varios tipos de leucemia, o linfoma de Hodgkin, o linfosarcoma, o melanoma e os cancros de mama e de próstata. O metotrexato segue a ser un dos principais fármacos empregados na quimioterapia para tratar moitos tipos de cancro, así como a base da quimioterapia moderna.

As investigacións de Jane incluíron o estudo dos efectos de varios fármacos en tumores. En 1951, coa axuda do seu equipo, foi a primeira en identificar a eficacia do metotrexato, un dos fármacos básicos da quimioterapia, contra os tumores cancerosos. As investigacións iniciais de Wright sacaban a quimioterapia do grupo dos tratamentos experimentais, para situala no das terapias eficaces contra o cancro, o que permitiu salvar millóns de vidas. O seu traballo con este tipo de quimioterapia demostrou ser un paso importante cara a terapia de combinación e cara os axustes en función da toxicidade de cada paciente.

Na fase inicial da investigación, o equipo tomou unha mostra de tumor de cada paciente. Estas eran analizadas e cultivadas de novo nun tecido. Eses tumores tratáronse co mesmo fármaco que se utilizou na terapia do paciente antes de o tumor ser extraído.

Concluíron que había unha correlación entre o axente quimioterapéutico empregado no paciente e os cultivos dos tecidos. A partir disto, Wright logrou desenvolver o metotrexato para combater eses últimos.

Wright e o seu pai experimentaron coas mostazas nitroxenadas, similares aos compostos de gas mostaza empregados na I Guerra Mundial, e lograron tratar a pacientes de leucemia. Posteriormente Jane foi pioneira na investigación en quimioterapia, e centrouse non só en administrar unha combinación de fármacos, senón tamén nas variacións das doses para aumentar a efectividade desta e reducir os efectos secundarios. Identificou con éxito tratamentos tanto para cancro de mama como de pel, e desenvolveu un protocolo de quimioterapia que aumentou até en dez anos a esperanza de vida dos pacientes con cancro de pel. Tamén desenvolveu un método non cirúrxico, utilizando un catéter para administrar fármacos potentes en tumores profundos, como o fígado ou o bazo. Publicou máis de 100 artigos sobre a quimioterapia durante a súa traxectoria e foi membro do cadro editorial da revista da National Medical Association.

En 1955 accedeu ao Bellevue Medical Center da Universidade de Nova York como profesora asociada de investigación en cirurxía e directora de investigación en cancro. Alén do traballo investigador e clínico, Wright exercía a súa profesión. En 1964 foi a única muller do grupo de sete médicos que axudou a fundar a American Society of Clinical Oncology e en 1971 converteuse na primeira muller elixida presidenta da New York Cancer Society. En 1967 foi nomeada decana e xefa do Departamento de Quimioterapia no New York Medical College. Disque foi a médica afroamericana con máis alto rango nunha universidade médica importante naquel momento, e foi sen dúbida a médica afroamericana muller con máis alto rango. O presidente Lyndon Johnson nomeouna membro do National Cancer Advisory Board (tamén coñecido como National Cancer Advisory Council), do que formou parte entre 1966 e 1970, e da President's Commission on Heart Disease, Cancer, and Stroke (1964–1965).

Wright tamén exerceu a súa profesión no estranxeiro. Liderou delegacións de oncólogos á China e á Unión Soviética e a países de África e Europa Oriental. Traballou tratando pacientes de cancro en Ghana (1957) e en Kenya (1961). Desde 1973 a 1984 foi vicepresidenta da African Research and Medical Foundation.

Cooke tamén colaborou coa médica e bióloga celular Jewel Plummer Cobb, outra científica afroamericana de renome. Wright recibiu moitos premios, entre eles un doutoramento honoris causa da Women's Medical College of Pennsylvania. Retirouse en 1985 e en 1987 foi nomeada profesora emérita do New York Medical College. Ao describir a súa investigación pioneira na quimioterapia, contoulle ao reporteiro Fern Eckman: «É moi divertido explorar o descoñecido. Non hai emoción máis grande que ver como en un experimento dá uns resultados tan bos que levan a facer unha contribución positiva».

Vida persoal o 27 de xullo de 1947 Wright casou con David D. Jones. Tiveron dúas fillas: Jane Wright Jones e Alison Jones. O seu marido era avogado e fundou organizacións para combater a pobreza e fomentar o emprego da mocidade afroamericana. Desafortunadamente, en 1976 Jones morreu por un fallo cardíaco. As fillas tamén traballaron no eido da medicina, unha na psiquiatría e a outra na psicoloxía clínica.

Alén do seu amor polas ciencias, outras das súas afeccións eran a arte e natación, xa dende o instituto e durante a universidade. A familia era tamén moi importante para ela. Cando Mademoiselle lle outorgou o Merit Award en 1952, afirmou:

En 1980, cando saíu á venda o famoso cubo de Rubik, Wright inmediatamente comprou un e aprendeu a resolvelo. Era unha apaixonada dos crebacabezas e de aprender a solucionalos, incluídos os que atopaba na medicina (en particular o tratamento do cancro). Decatouse de que vivía nun mundo onde os homes dominaban o eido médico, mais non lle importou. Estaba ansiosa por contribuír á medicina, sobre todo ao tratamento do cancro, e non se deixou amedrentar por ser muller. Ademais, viviu no momento cume do orgullo negro, e, ao ser unha muller afroamericana, era consciente do seu lugar na historia. Dicíase que Wright era moi discreta e sensíbel cos seus pacientes, mais tamén moi motivada e valente no coidado destes. Se outro médico non tiña tempo nin predisposición para buscar tratamentos que puidesen beneficiar máis aos pacientes, Wright sempre o ía tentar.

Despois de se retirar en 1987 dedicou o resto da súa vida a navegar, pintar e ler libros de misterio. Morreu o 19 de febreiro de 2013 en Guttenberg (Nova Jersey) con 93 anos.

Premios e recoñecementos

Merit Award da revista Mademoiselle (1952) por avaliar a eficacia da quimioterapia Damon Runyon Award (1955) Membro de Sigma Xi (1962) Spirit of Achievement Award do Albert Einstein College of Medicine (1965) New York City's Harriet Beecher Stowe Junior High, a sección feminina do Albert Einstein College of Medicine (1965) Doutora honoris causa do Women's Medical College of Pennsylvania (1965) Hadassah Myrtle Wreath Award (1967) Smith Medal do Smith College (1968) American Association for Cancer Research Award (1975) Otelia Cromwell Award do Smith College (1981)

Notas

Categoría:Alumnos do Smith College Categoría:Profesores da Universidade de Nova York Categoría:Finados en 2013 Categoría:Nados en 1919