Otto Schmidt, de nome completo Otto Iulyevich Schmidt, en alfabeto cirílico ruso Отто Юльевич Шмидт, foi un matemático, xeofísico e explorador soviético.

Traxectoria Schmidt era fillo dun pequeno comerciante que se mudou de casa durante a súa infancia. Educouse en Mahiliou, Odesa e Kíiv até que en 1909 ingresou na Facultade de Física e Matemáticas da Universidade de Kíiv. Graduouse en 1913 e, seguindo os consellos do seu mestre, Dmitri Grave, continuou os seus estudos na propia universidade até obter o doutoramento en 1916 cunha tese sobre teoría de grupos que se publicou en forma de libro. Aínda no período presoviético, e sen deixar o seu traballo docente, uniuse ao crecente movemento cooperativo.

Co triunfo da revolución soviética traballou en varios organismos estatais, sendo membro de varios comisariados populares en San Petersburgo e Moscova. En 1924, cando xa era profesor na Universidade de Moscova, foi nomeado editor xefe da Grande Enciclopedia Soviética. Ese mesmo ano, pasou unha estadía nos Alpes para recuperarse da tuberculose que padecera de neno e que reaparecera de forma intermitente. En 1928 formou parte dunha expedición soviético-alemá aos montes Pamir. esquerda|miniatura|300x300px| A epopea de Chelyuskin inmortalizada nun selo. Adquiriu tal reputación como explorador que en 1928 foi posto á fronte dunha expedición para establecer un observatorio xeofísico en Terra de Francisco Xosé, un arquipélago situado no océano Ártico. Desde 1932, foi director da axencia estatal para a ruta do Mar do Norte. En 1933 comandou a expedición do barco Chelyuskin que rematou nunha epopea, co afundimento do barco, cen tripulantes abandonados no xeo e un rescate por avión uns meses despois. Todo isto converteuno nun heroe soviético.

En 1938, propuxo á Academia Soviética de Ciencias a creación dun instituto para a investigación xeofísica teórica, que el mesmo dirixiu até 1949. Hoxe este instituto leva o seu nome: Instituto Schmidt para as Ciencias da Terra. A partir de 1949 a súa saúde deteriorouse progresivamente debido á tuberculose que sufriu na infancia. Porén, seguiu impartindo algunhas conferencias na Universidade de Moscova até a súa morte en 1956.

Alén da súa fama como explorador, Schmidt é lembrado como matemático polo teorema de Krull-Schmidt e como cosmólogo por ter proposto a teoría da acreción para a formación da Terra e os planetas, xunto co astrónomo británico Raymond Lyttleton.

Legado e homenaxes

Otto Schmidt recibiu tres Ordes de Lenin, ademais doutras tres ordes e diversas medallas. Unha illa no mar de Kara foi chamada Schmidt na súa honra. Tamén foi nomeado para homenaxealo o cabo Otto Schmidt na costa do mar de Chukchi no ókrug autónomo de Chukotka. O Instituto de Física pertencente á Academia Rusa das Ciencias, entre outros lugares, levan o seu nome. Un planeta menor, o planetoide 2108 Otto Schmidt, descuberto en 1948 pola astrónoma soviética Pelagueia Xain, tamén o conmemora.

O quebraxeos Anastas Mikoyan recibiu orixinalmente o nome de Otto Iulyevich Schmidt.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Físicos de Rusia Categoría:Finados por tuberculose Categoría:Heroes da Unión Soviética Categoría:Alumnos da Universidade Nacional de Kíiv Categoría:Matemáticos de Rusia