Salvador Fojón Pardiño, nado na Coruña en 1884 e finado na mesma cidade o 24 de xaneiro de 1952, foi un comerciante e futbolista galego, que xogaba como gardameta. Foi un dos pioneiros do fútbol na cidade, como porteiro do Real Club Coruña e primeiro gardameta na historia do Deportivo da Coruña. Vencellado durante boa parte da súa vida ao Deportivo, foi un dos seus fundadores e máis tarde exerceu como tesoureiro e directivo durante varios anos.
Traxectoria Naceu na Coruña en 1884, sendo o maior dos dous fillos do comerciante José Fojón Peña e da súa muller Sofía Pardiño, que rexentaban unha tenda de ultramarinos no número 53 da rúa de San Andrés. Estudou na Escola Superior de Comercio da Coruña, onde coincidiu co vilagarcián José María Abalo, grande impulsor do fútbol na Coruña. Con el e outros compañeiros formou parte do Corunna Foot-ball Club e o 13 de marzo de 1904 foi o porteiro do equipo no histórico partido na praza de touros contra a tripulación do Diligent, un buque a vapor inglés que naufragara fronte á Coruña.
Máis tarde pasou a xogar con este club no Corralón da Gaiteira, ao tempo que asistía á Sala Calvet. En maio de 1906 foi un dos 19 fundadores do Club Náutico da Sala Calvet, co que se proclamou tres meses despois vencedor da Copa da Liga de Amigos, unha regata organizada pola Liga de Amigos da Coruña con motivo das festas de María Pita. O 8 de decembro do mesmo ano defendeu a portería do equipo da Sala Calvet nun encontro ante o Corunna no Corralón da Gaiteira, no que está considerado como o nacemento do Deportivo da Coruña. miniatura|Salvador Fojón co coro Cántigas da Terra en 1917. O 9 de xaneiro de 1907 participou na fundación oficial do novo club e foi elixido capitán da sección de pushball. Defendeu a portería do equipo nos seguintes anos, a pesar de que estivo a piques de perder un ollo en maio de 1908, nun partido contra a tripulación do barco inglés Albion, que naufragara ao golpear cos baixos do Carromeiro Chico de Corcubión. En novembro de 1909 foi nomeado secretario do club nunha nova directiva presidida por José Longueira Díaz e ao ano seguinte xogou o seu último encontro co club, aínda que dende facía un tempo Rogelio Ramos viña ocupando a portería de xeito habitual.
Continuou como directivo do Deportivo durante anos e a tenda de ultramarinos da súa familia na rúa de San Andrés acabou converténdose na sede oficiosa do club nese período. Ademais conservou un amplo arquivo de información sobre os primeiros anos de vida do club, sendo unha das principais fontes de información para historiadores, xornalistas e estudosos das orixes do fútbol na Coruña. Fóra do fútbol, en 1916 foi un dos fundadores do célebre coro Cántigas da Terra, onde cantaba como corista.
Faleceu na Coruña o 24 de xaneiro de 1952, aos 67 anos de idade.
Vida persoal Casou en 1918 con María del Pilar Martínez-Reboredo Rumbo e foron pais de cinco fillos: Sofía, María del Pilar, María del Carmen, Elena e Salvador Fojón Martínez-Reboredo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1884 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1952 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña