Gyromitra caroliniana é unha especie de fungo ascomiceto do xénero Gyromitra, dentro do grupo dos Pezizales. Atópase en bosques temperados de frondosas e mixtos do sur dos Estados Unidos, onde frutifica en primavera pouco despois da fusión da neve.
O corpo frutífero ou ascocarpo aparece no chan dos bosques e pode medrar ata ter un gran tamaño. O seu píleo está moi engurrado e é de cor marrón avermellada, de forma de case esférica a elíptica, e adoita medir de 15 a 20 cm de alto e de 6 a 13 cm de ancho. O estipe ou pé é masivo, de ata 11 cm de grosor, cunha superficie parecida ao feltro branco. A carne do fungo é crebadiza e está densamente empaquetada no píleo formando pregamentos moi retortos que forman lóculos internos. O himenio é liso, o píleo convexo, o pé espido, a impresión das esporas é amarela e son saprófitos.
Taxonomía
miniatura|esquerda|Debuxo dun corpo frutífero, das esporas, e de ascos con esporas do libro de Mordecai Cubitt Cooke de 1879 Mycographia, seu Icones fungorum A especie denominouna orixinalmente Morchella caroliniana o botánico francés Louis Augustin Guillaume Bosc en 1811, e posteriormente foi sancionada con ese mesmo nome por Elias Fries en 1822. Despois, Fries transferiuna ao xénero Gyromitra en 1871. Gyromitra caroliniana é a especie tipo do subxénero Caroliniana do xénero Gyromitra. Este agrupamento comprende especies que na súa madureza teñen ascósporas bastamente reticuladas (é dicir, sen unha rede de cristas na súa superficie) con moitas espiñas romas que se orixinan do retículo das esporas. Outras especies deste subxénero son G. fastigiata e a especie centoeuropea G. parma.Abbott and Currah (1997), pp. 19–21. En 1969, Erich Heinz Benedix cría que a reticulación das esporas era o suficientemente exclusiva como para merecer a creación dun xénero separado, e así describiu o xénero Fastigiella para conter G. caroliniana. Harri Harmaja non estivo de acordo, e situou despois Fastigiella como sinónimo de Gyromitra.
Nunha revisión de 2009 do xénero Gyromitra, os autores van Vooren e Moreau afirman que a descrición da especie orixinal de Bosc é ambigua, que deixa moita marxe para a interpretación, e suxiren que varios informes da aparición desta especie en Europa deberían referirse en realidade a Gyromitra fastigiata. Sinalaron que en 1970 o micólogo estoniano Ain Raitviir considerou a Morchella caroliniana de Bosc un nomen dubium, así como a descrición de Fries como nomen confusum, e mostráronse partidarios de abandonar o epíteto específico caroliniana. A principios da década de 1970, Kent McKnight redefiniu o taxon e seleccionou un neotipo, baseado en cinco espécimes de Lorton, Virxinia en 1942. O epíteto específico refírese ás Carolinas, onde foi recollida cientificamente por primeira vez.
Descrición
O píleo é aproximadamene esférico ou elíptico, e presenta unha superficie engurrada ou pregada que lembra un cerebro. Ten áreas con ocos máis ou menos simétricos ou costelas dispostas verticalmente. A marxe do píleo é pechada no estipe e ás veces adhírese a el. A cor é de avermellada a marrón avermellada, pero faise máis escura en espécimes gastados; o lado inverso é abrancazado. O corpo frutífero é duns 6–7 cm de ancho, pero pode medrar moito máis. Fred J. Seaver informou dun espécime que medrara ata unha altura de 27 cm, pero unha altura máis usual é de 15–20 cm. A parte inferior é abrancazada, pero non é doada de ver. O estipe ou pé é curto e gordo, con sucos, normalmente de 6–10 cm de longo e 4–6 cm de largo, pero por veces é moito máis grande, e xeralmente máis groso na base. É branco puro cando o fungo é novo e con superficie parecida ao feltro, pero decolórase co tempo e ao manipulalo. A porción superior do estipe adoita estar ramificada, mais as ramas están agochadas polo píleo. A carne abrancazada forma lóculos (cámaras) e está densamente empaquetada no estipe e no píleo, formando ramas ata os puntos de unión.
As esporas son elípticas esteitas, hialinas (translúcidas), e apiculadas (cunha punta moi aguda), e miden 30–33 por 11,5–14 μm. As esporas normalmente teñen unha gran pinga de aceite e unha ou dúas pingas máis pequenas. A superficie da espora, inicialmente lisa, faise reticulada e basta, desenvolvendo pequenas verrugas. o uso de microscopia electrónica de varrido revelou ata 6 curtas apículas (a parte da espora que se une aos esterigmas) que se orixinan de extensións da reticulación. Os ascos (células que levan esporas) miden 320–420 por 18,5–23 μm, e as paráfises son de 6,5–5,9 μm de ancho.
Aínda que algunhas guías de fungos indican que a especie é comestible se se prepara axeitadamente (como ao cocela), xeralmente non se recomenda para o consumo polo risco que hai de confundila cos outras especies máis tóxicas de Gyromitra que conteñen o composto xiromitrina. Cando se ferve en auga ou se dixire no corpo, este composto é doadamente hidrolizado ao composto tóxico monometilhidrazina (usado como propelente nalgúns combustibles de foguetes).
Especies similares
Gyromitra brunnea ten un aspecto similar ao de G. caroliana e ambas teñen unha distribución xeográfica solapada. G. brunnea está claramente lobulada e arece de costelas e costelas transversais. En consecuencia, xeralmente poden atoparse "costuras" onde a superficie inferior queda exposta. En contraste, G. caroliniana case nunca está lobulada e carece desas costuras. O seu píleo, moi densamente engurrado e unido, agocha a maior parte da superficie inferior. G. korfii ten unha aparencia máis de bloque ou cadrada, e a superficie do seu píleo de cor marrón amarelada a marrón avermellada ten poucas engurras, pregamentos e circunvolucións. G. fastigiata é unha especie europea que lembra a G. brunnea noreamericana. A común e moi espallada G. esculenta ten un píleo cuns lóbulos menos apertados, de forma irregular, e parecida a un cerebro. Ten esporas máis curtas que miden 21–25 por 12–13 μm.
Semellanzas nas Gyromitra px|alt= px|alt= px|alt= px|alt= G. fastigiata G. korfii G. brunnea G. esculenta
Hábitat e distribución miniatura|Os corpos frutiferos poden crecer sós ou en grupos pouco densos. O fungo frutifica en solitario ou en grupos pouco densos no chan de bosques ricos en humus. Os hábitats comúns inclúen os arredores de tocos de árbores e madeira morta, especialmente de carballo, e ribeiras de ríos. Nos estados so sur dos Estados Unidos, pode aparecer xa en marzo, pero noutras partes adoita frutificar en abril e maio. A especie usouse como indicador que sinalaba o comezo da "tempada de pantorras". As especies de Gyromitra son consideradas "oficialmente" saprobias, pero mostan algunhas tendencias a formar micorrizas e poden integrar ambos os dous estilos ecolóxicos no seu ciclo vital.
A distribución de G. caroliniana comprende desde Oklahoma ás Carolinas e cara ao norte ata os Grandes Lagos. Erich Benedix informou da presenza do fungo en Turinxia e Austria, onde afirmaba que anteriormente fora identificado erradamente como unha forma xuvenil de Gyromitra infula. Porén, unha revisión máis recente discute esta afirmación, dicindo o seguinte: "Os informes de Europa non están confirmados e débense á confusión con G. fastigiata e G. gigas".Abbott and Currah (1997), p. 20. Os corpos frutíferos desenvolvense paseniñamente e os espécimes que quedan ata o final da estación poden medrar ata pesaren 2,2 kg ou máis.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Pezizales